O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este mércores festivo a segunda eliminatoria do popular Concurso de Murgas de Pontevedra, coa participación de cinco agrupacións que regalaron parodias e críticas de temas locais e nacionais ademais de contaxiar o seu bo humor.
Equijo Ja Pontevedra foi a primeira formación en comparecer sobre o escenario, no que habilitaron un salón de peiteado pola que desfilaron a modo de parodia personaxes da política local como o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ou os representantes de PP e PSOE local, Rafa Domínguez e Iván Puentes.
"Hai uns meses veu un circo que actuou primeiro en Vigo, o circo de Rodi Aragón, aquí o alcalde non o quixo, dixo que non había sitio, que estaba ocupado polo triatlón. Ese circo foi para Poio, debe ser porque alí goberna o PP, aquí Lores non o quixo, el só quere bici, nadar e correr. Para que queremos circo se todo o ano aquí o podemos ver, cando miramos nos plenos discutir os concelleiros o paiaso vano ver", cantou Equipo Ja, que contou coa entroideira máis nova desta edición, Carla, unha rapaza de só 5 anos.
Tras eles foi quenda dunha das agrupacións chegadas desde O Grove que dan cor ás Murgas. 'Os discípulos de Juan de la Meca' cantaron sobre "cousas do Grove, mexan por nós e dicimos que chove" reivindicando o seu orgullo local porque "nesta vila mariñeira rodeada polo mar, A Lanzada sempre nosa vamos a gritar. O orgullo dos mecos non poden tomar, ningún dos caciques nos vai gobernar e contra a inxustiza nos unimos para loitar".
'Janas de Leria' lembrou un tema que non podía faltar no Entroido, o polémico bico do presidente da Federación Española de Fútbol a unha futbolista durante a celebración do Mundial. "Según Rubiales Jenni está a mentir, que en aceptar cookies ela pinchara si, ainda que o joderon non lle cae o pelo, pois xa era calvo antes de dimitir, el por un bico vai case a prisión e sen embargo mira Puigdemont, el clava a todo dios", rezaba unha das súas coplas.
'A tropa de Moncha A Caralla' arrincou tamén moitos sorrisos coas súas críticas á clase política e acordándose de problemas de toda a comarca e do Grove en particular, onde "coa hostelería vivimos no verán pero non nos chega para pagar o pan, aínda que garanticen toda a ocupación, as que quedamos desocupadas de outubro a xuño imos ser nós", queixábanse.
Por último pechou a eliminatoria 'Leña Verde' con cancións sobre temas de actualidade local e acordándose, entre outros asuntos, da burbulla que rodea aos alugueiros e que dificulta o acceso á vivenda. "Vou ter que ir para Poio, non atopo piso, xa chamei a Pedrosa e Javi o de Tovar, por 600 euros, un cuarto en Salcedo onde metres cagas poder cociñar (...) difícil atopar un alquiler onde non te vaian botar, e máis fácil cear na de Solla con 10 euros nada máis", cantaron con humor.
Unha vez finalizadas as actuacións o xurado do XXXII Concurso de Charangas ofreceu as súas puntuacións para confirmar aos finalistas que actuarán este xoves 15 de febreiro (21.00 horas) de novo no Pazo da Cultura.
Esa gran final estará composta por Val do Lérez, Equipo Ja Pontevedra, A Tropa de Moncha a Caralla, Janas de Leria e Murga do Naveiro.