O xurado popular declara a José Luis Abet culpable do triplo asasinato de Valga

Pontevedra
14 de marzo 2023

Ademais o xurado entendeu que José Luis Abet matou a Sandra  "con un profundo desprecio a su exesposa a la que consideraba inferior por su condición de mujer" un "sentimiento de superioridad" que se estendía cara ás súas outras dúas víctimas mortais "por su condición femenina".

Entrada de José Luis Abet Lafuente na Audiencia de Pontevedra / PontevedraViva

O xurado popular declarou culpable por unanimidade do delito de asasinato a José Luis Abet Lafuente, autor confeso do triplo asasinato da súa exmuller Sandra Boquete Jamardo, da súa ex cuñada Alba Boquete e da súa ex sogra María Elena Jamardo Figueroa que non tiveron "ninguna posibilidad de salvar su vida" nin tampouco "de huir ni defenderse".

Ademais, o xurado entendeu que José Luis Abet matou a Sandra  "con un profundo desprecio a su ex esposa a la que consideraba inferior por su condición de mujer" un "sentimiento de superioridad" que se estendía cara ás súas outras dúas víctimas mortais "por su condición femenina".

A portavoz do xurado leu o veredicto pasadas as once da noite deste martes tras seis horas de deliberación.

Todos os membros do tribunal popular atoparon probado que José Luis Abet matounas a tiros en presenza dos seus fillos de 4 e 7 anos e que o fixo de maneira "intencionada" causándolles lesións psíquicas graves, aínda que neste último aspecto non houbo unanimidade pero si oito votos a favor.

O xurado, conformado por sete mulleres e dous homes, tamén foi unánime ao declarar ao acusado culpable dun delito de tenencia ilícita de armas e ao rexeitar a posibilidade de que Abet Lafuente actuase coas súas facultades mentais alteradas dalgún modo, incluíndo que obrase baixo un estado de "arrebato ou obcecación".

Por unanimidade dos seus nove membros, o xurado considerou probado que o día dos crimes, o 16 de setembro de 2019, José Luis Abet acudiu a casa da súa ex esposa, Sandra Boquete, "coa intención de acabar con vida".

Fíxoo portando un revólver co número de identificación borrado que adquirira días antes xunto cunha caixa de munición, a pesar de que non tiña licenza de armas.

Bloqueou co seu coche a entrada da leira para lograr que a súa ex muller, que saía de casa para levar aos seus dous fillos ao colexio, se vira obrigada a deterse, momento que aproveitou para dispararlle catro tiros, un na cabeza, dous no pescozo e un cuarto no peito.

Fíxoo, segundo apuntou o xurado no seu veredicto, en presenza dos seus dous fillos, que estaban nos asentos traseiros do coche da súa nai, e de maneira "sorpresiva", o que provocou que a súa ex esposa "non tivese posibilidade algunha de defenderse".

Cando José Luis Abet marchaba co seu coche, despois de matar a Sandra, cruzouse co vehículo no que ían as outras dúas vítimas, a súa ex sogra María Elena e a súa ex cuñada Alba, que recibiran unha chamada de auxilio por parte de Sandra.

Ao velas, este "deu a volta rapidamente", relatou a portavoz do xurado, e perseguiunas ata a casa de Sandra, onde disparou catro veces contra a súa ex sogra e outras tres contra o súa ex cuñada, matándoas no acto e sen que puidesen defenderse.

Tanto a Fiscalía, como a acusación popular que exerce a Fundación Amigos de Galicia e a acusación particular que representa á familia, pediron que sexa condenado a 25 anos de cárcere polo asasinato de Sandra, outros  25 anos de cárcere polo de María Elena, así como a de prisión permanente revisable polo terceiro asasinato de Alba, todos eles co agravante de violencia de xénero. 

Tamén solicitan tres anos de prisión por tenencia ilícita de armas. A Fiscalía tamén reclama 5 anos de cárcere por cada delito de lesións psicolóxicas, unha pena que a acusación particular eleva a 10 anos.

Todas as acusacións solicitan a retirada da patria potestad para Abet con respecto aos seus dous fillos.

Pola súa banda, a avogada da defensa pediu que se lle apliquen en todo caso as penas mínimas por cada delito. 

En concepto de responsabilidade civil, a Fiscalía pide que o condenado indemnice ao marido e pai das vítimas con 475.000 euros, e con 341.000 a cada un dos seus fillos  que as acusacións particulares elevan a 500.000 euros-. Tamén reclama 235.000 euros de indemnización para a nai e avoa das falecidas, 110.000 euros para o noivo da muller asasinada e 70.000 euros para cada un dos seus catro irmáns.

A avogada de Abet sinalou que considera "excesivas" as indemnizacións reclamadas, advertindo que o seu cliente "non ten capacidade económica para asumilas".

O xuízo celebrouse a porta pechada na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra para salvagardar a integridade psíquica e moral dos nenos atendendo así á recomendación feita polo psicólogo nun informe pericial solicitado polo propio tribunal.

Durante o xuízo o procesado acolleuse ao seu dereito a non contestar ningunha pregunta pero na última sesión da vista oral José Luis Abet aproveitou o seu dereito á última palabra e pediu "perdón a la familia" das vítimas, esa foi a única declaración que fixo durante o xuízo. 

De ditar o tribunal esta pena, Abet sería o segundo condenado na provincia a prisión permanente revisable tras David Oubel, autor do asasinato das súas dúas fillas en Moraña.