O xurado declara culpable de asasinato ao acusado do crime machista de Conchi

Pontevedra
14 de decembro 2016

Por unanimidade de todos os seus membros, considerou probado que o acusado é responsable de "causar a morte voluntaria e intencionada" da súa vítima a navalladas e que o fixo "de maneira sorpresiva, sen que tivese posibilidade ningunha de reaccionar polo inesperado e repentino da acción"

Juan Antonio Lusquiños, 'Coco', durante a lectura do veredicto de culpabilidade na Audiencia
Juan Antonio Lusquiños, 'Coco', durante a lectura do veredicto de culpabilidade na Audiencia / Mónica Patxot

O xurado declarou culpable dun delito de asasinato a Juan Antonio Lusquiños, coñecido como 'Coco', polo crime machista da súa ex moza, Conchi Reguera Peón, en Ponte Sampaio na madrugada do 24 de outubro de 2015. Por unanimidade de todos os seus membros, considerou probado que o acusado é responsable de "causar a morte voluntaria e intencionada" da súa vítima a navalladas e que o fixo "de maneira sorpresiva, sen que tivese posibilidade ningunha de reaccionar polo inesperado e repentino da acción".

O xurado emitiu o veredicto pasadas as 20.20 horas deste mércores nunha lectura na Audiencia Provincial de Pontevedra na que estivo presente o acusado aparentemente tranquilo, pero cunha expresión corporal que deixaba ver tensión. Tamén acudiu á lectura un cuñado da vítima, que seguiu a sesión con gran nerviosismo e abandonou a Audiencia pouco despois. 

Segundo o xurado, no momento dos feitos o acusado "comprendía perfectamente a realidade e tiña intactas e inalteradas as súas facultades de coñecemento e vontade para comprender a ilicitud do que fixo". Con esta conclusión, descarta que ao procesado poida atribuírselle a circunstancia atenuante da responsabilidade criminal de arrebato ou obcecación, tal e como reclamaba inicialmnte o seu avogado defensor, que apelaba a que padecía unha grave alteración psiquiátrica. 

O ditame unánime do xurado tamén descarta a segunda circunstancia atenuante á que apelara a defensa, a confesión dos feitos, pois os membros do tribunal popular concluíron que "confesou os feitos cando foi detido pero iso non supuxo ningunha colaboración no seu esclarecemento". Ademais, insiste o xurado na brutalidade dos feitos, pois dá por probado que lle deu 20 puñaladas.

En base ao veredicto do xurado, 'Coco' é declarado culpable dun delito de asasinato coa circunstancia agravante de parentesco, pois consideraron probado por unanimidade que o procesado e a súa vítima mantiveron unha relación sentimental durante nove meses que acabara en agosto de 2015, dous meses antes do crime, por decisión da muller sen que el aceptáseo " de bo grado". 

Baseándose no veredicto do xurado, a fiscal do caso, Rosalina Carreira, e a acusación popular, que exerce a Xunta de Galicia, pediron ao tribunal que condene a 'Coco' coa mesma pena que pedían inicialmente, isto é, 20 anos de prisión e 25 anos máis de prohibición de residir na parroquia de Ponte Sampaio, onde ocorreu o crime; ou no lugar de Acevedo e a cidade de Pontevedra, onde reside a familia da vítima. Nese tempo non poderá nin sequera acudir a estes lugares, e ademais, pide que se lle impoñan oito anos de medida de seguridade vixiada e que, en concepto de responsabilidade civil, indemnice aos pais de Conchi con 60.000 euros a cada un e aos seus tres irmáns con 20.000 euros a cada un. 

O veredicto do xurado tamén se refire a un segundo delito que se atribúe ao acusado, un delito de furto de uso de vehículo alleo porque, tras o crime, fuxiu a bordo dun vehículo propiedade da madrer da súa vítima que habitualmente usaba ela. Fiscalía e acusación piden unha pena dun mes de multa a razón de 6 euros diarios e unha indemnización de 600 euros. 

O avogado defensor, que inicialmente pedía que fora condenado por homicidio coas atenuantes de confesión e arrebato, tivo que cambiar a súa petición tras o veredicto. Na sala da Audiencia Provincial tan só pediu que se lle impoña a pena no seu grao mínimo, isto é, 15 anos segundo recolle o Código Penal para os delitos de asasinato. Ao saír da sala, aclarou á prensa que aínda non decidiu se presentará un recurso. 

Agora deberá ser o presidente do tribunal da Sección Segunda da Audiencia, Xosé Xoán Barreiro Prado, o que dite sentenza en base a este veredicto e decida a pena final que se impón ao acusado.