O xurado da Festa do Mar de Vilaboa premia o sabor da Garboa, a innovación do Laranxo e a presentación da Mazaroca

Vilaboa
13 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A Festa do Mar de Vilaboa renova esta noite de sábado e mañá domingo as quendas de degustación do produto local complementado cun amplo programa musical

Distintas elaboracións na Festa do Mar de Vilaboa
Distintas elaboracións na Festa do Mar de Vilaboa / Concello de Vilaboa

O xurado da Festa do Mar de Vilaboa, composto pola patroa maior da Confraría de Vilaboa Maricarmen Cortegoso Gómez e polas bateeiras locais Mari González Piñeiro e María José Castro Gómez, coa participación do alcalde César Poza como secretario, escolleu este sábado as tapas gañadoras da cata organizada na carpa da Festa.

Na categoría de Mellor Sabor resultou gañadora a tapa do restaurante A Garboa; o premio á Mellor Presentación recaeu na tapa de mexillón en escabeche presentado pola Casa de Rosa da Mazaroca mentres que o premio á Innovación foi para a panadería e pastelería Os Laranxos pola súa empanada de mexillón en escabeche.

A postos degustación volverán abrir esta noite de sábado e o domingo ao mediodía con tapas a prezos populares: de mexillón a 3,5 euros; os chocos a 5 euros e a 6 euros está a ameixa. Todos eles preparados en distintas elaboracións: en empanada, en escabeche, guisados ou á mariñeira. 

Destaca este ano a variedade de sobremesas que ofrece o posto doce para completar o menú a cargo dos Laranxos. E xunto aos produtos do mar están os viños da IXP Ribeiras do Morrazo das adegas Os Areeiros e Ardán.

O programa musical, aberto pola banda de gaitas e baile “Aires de Cobres” continuará ás 21 horas con Fanfarria Taquikardia e mañá coa actuación dos Brigadier ás 13 horas.

Tanto o alcalde de Vilaboa, César Poza, como a concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, convidan a veciñanza da contorna para achegarse a San Adrián e gozar tanto da variedade de produto extraído das augas da ría como da calidade na elaboración que ofertan os restaurantes locais, a quen o goberno local agradece a súa implicación con esta Festa que ten como obxectivo "a posta en valor dun sector, o do mar, cun peso importante en Vilaboa e que ten que enfrontar moitas dificultades"