A instrución xudicial da desaparición de Sonia Iglesiasreactivouse este venres coa declaración de cinco testemuñas coas que o fiscal e a xuíza instrutora buscan facer unha reconstrución teórica dos últimos pasos da desaparecida e das circunstancias que puideron rodear a súa ausencia o 18 de agosto de 2010.
Pasaron polo xulgado a irmá e o primo do ex noivo de Sonia e único imputado na causa, Julio Araújo; unha empregada de Massimo Dutti, onde traballaba; o cidadán que o propio día da súa desaparición atopou a súa carteira nas proximidades do poboado de O Vao; e o zapateiro ao que foi deixar unhas botas a mesma mañá na que se perdeu a pista sobre ela.
As declaracións foron no despacho da titular do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, especializado en violencia sobre a muller, e apenas transcenderon detalles, pero as partes consultadas sinalan que non aportaron "nada nuevo" a maiores das probas xa realizadas pola Policía Nacional e ao que estes cinco testemuñas xa contaron aos policías que investigaron o caso. Tan só transcendeu un dato que aínda non se coñecía, que a súa carteira apareceu en O Vao o mesmo día en que faltou Sonia Iglesias.
Os cinco testemuñas prestaron declaración entre as 10.30 e as 13.30 horas en presenza dos avogados de Julio Araújo e da familia de Sonia Iglesias, así como da fiscal Carmen Novo. Ao seu remate, apenas fixeron declaracións aos xornalistas que esperaban ás portas do xulgado.
A dependenta de Massimo Dutti saíu chorando porque, segundo transcendeu, "emocionouse ao acordarse da súa compañeira de traballo", pero o resto das testemuñas terminaron a súa declaración moi tranquilos. A irmá de Julio Araújo insistiu en que o avogado do seu irmán pediu o sobreseimento parcial da causa no que respecta á imputación do seu defendido e explicou que as preguntas que lle fixeron as partes centráronse en dúas chamadas que fixo ao teléfono fixo do seu irmán aquel día.
O avogado de Julio Araújo: "Realmente non houbo ningún tipo de novidade"
O interrogatorio do curmán do imputado tamén ten que ver cunha chamada realizada a ese teléfono fixo da casa que compartía a parella no Campo da Torre. No caso do cidadán que atopou a carteira, preguntáronselle detalles sobre como estaba esta proba nunha gabia próxima a O Vao. Chegou ao xulgado esposado, pois cumpre pena de prisión na Lama por cuestións alleas a este caso.
O zapateiro de Arcebispo Malvar ao que Sonia acudiu na mañá da súa desaparición elxplicó que o interrogatorio centrouse en concretar a hora á que foi ao seu local. El non pode concretar a hora, pero indica que foi sobre as 10.30 horas e que el non viu a Julio Araújo, que, segundo o seu testemuño, acompañou ao seu ex noiva ao zapateiro e esperouna no coche. Segundo explicou a testemuña, repetiu á xuíza o que xa dixo por teléfono á Policía ese mesmo día e en persoa ao día seguinte.
Tan só o letrado de Julio Araújo realizou unha valoración breve da xornada de declaracións. Asegurou que "o único que se fixo foi ratificar as declaracións, que son bastante coñecidas", pero "realmente non houbo ningún tipo de novidade". Na súa opinión, isto ratifica a súa hipótese de que "non hai nada" que impute ao seu defendido.
Revelou, ademais, que estas declaracións pediunas o fiscal e que a xuíza aínda non se manifestou sobre as dilixencias que solicitaron tanto el como a acusación particular. Tras terminar con esta tanda de declaracións (as únicas en sé xudicial a maiores da de Julio Araújo en 2012), a xuíza decidirá, pero aínda ten que tomar declaración o vindeiro luns á irmá e a nai de Sonia Iglesias, unha amiga e a camareira que lle serviu o almorzo a ela e a Julio Araújo o día en que desapareceu.