O xulgado mantén a súa decisión de arquivar o caso de Sonia Iglesias

Pontevedra
22 de novembro 2014
Actualizado: 23 de novembro

A xuíza titular do Xulgado de Instrución número tres de Pontevedra acaba de emitir un auto no que ratifica a súa decisión de arquivar o caso da desaparición de Sonia Iglesias "xa que as probas existentes non constitúen indicios sólidos para acordar a continuación do procedemento"

Manifestación polo segundo aniversario da desaparición de Sonia Iglesias
Manifestación polo segundo aniversario da desaparición de Sonia Iglesias /

A xuíza titular do Xulgado de Instrución número tres de Pontevedra acaba de emitir un auto no que ratifica a súa decisión de arquivar o caso da desaparición de Sonia Iglesias "xa que as probas existentes non constitúen indicios sólidos para acordar a continuación do procedemento".

A decisión do xulgado non é firme e pode ser recorrida ante a Audiencia Provincial, aínda que a maxistrada sostén que "se pode vaticinar cun grao de seguridade moi alto o fracaso dunha pretensión penal con ese fráxil e feble fundamento".

No auto, que foi comunicado este venres ás partes, desestímanse os recursos interpostos pola Fiscalía e a avogada da familia de Sonia Iglesias, contra a desimputación de Julio Araújo.

Agora decrétase o sobresemento da causa ratificando en "todos os seus extremos" a decisión tomada en xullo deste ano no que se sinalaba que "se ben existían datos que permitían sospeitar" da participación de Julio Araújo na desaparición da súa parella "os devanditos datos non constitúen indicios sólidos para acordar a continuación do procedemento contra este".

Igualmente o Xulgado desestima a petición da Fiscalía para que Julio Araújo se someta á proba neurofisiolóxica P-300, coñecida como "test da verdade", que xa foi utilizada na busca do corpo de Marta del Castillo en Sevilla. Xa que Julio Araújo se negou a someterse a esta proba que "non está regulada", e obrigalo "supoñería vulnerar os seus dereitos".

A familia de Sonia Iglesias e o Ministerio Fiscal anunciaron que van presentar un recurso de apelación ante a Audiencia como última opción para que non se arquive o caso.

Arquivado en