O Xulgado de Instrución número tres de Pontevedra decidiu levantar o segredo de sumario do caso aberto pola desaparción de Sonia Iglesias Eirín hai máis de tres anos. A decisión da maxistrada Rosa García Prado produciuse o pasado 3 de outubro, apenas unha semana despois de que a Sección Cuarta de la Audiencia Provincial acordase a asunción do caso por parte deste xulgado especializado en violencia sobre a muller.
Unha vez levantado o segredo das actuacións, a acusación particular da familia e a defensa do imputado, xa tiveron acceso ao contido do sumario e das dilixencias da investigación levadas a cabo polo xuíz titular do Xulgado de Instrución número dous, Xermán Varela.
Son un total de tres tomos, unha peza separada documental composta por cinco tomos e varios CDs, polo que as partes declinaron avanzar calquera tipo de decisión ata que estuden con detemento toda a documentación achegada. Ademais dispoñen dun prazo de 15 días para pedir ao xulgado a práctica das dilixencias que consideren oportunas.
O auto da maxistrada García Prado fundamenta a súa decisión no feito de que "dende o pasado 19 de xullo de 2012 non se efectuou ningunha dilixencia nin se achegou á causa información ningunha" polo que considera que non concorre neste momento "circunstancia ningunha que aconselle que se manteña o segredo".
O pasado venres 4 de outubro, durante a presentación aos medios da Memoria da Fiscalía, o Fiscal xefe da Audiencia de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, fixo pública a súa intención de tratar de reactivar o caso Sonia Iglesias unha vez que se deu traslado da causa ao xulgado de violencia sobre a muller.
"Imos tratar de reiniciar algunhas peticións", limitouse a sinalar Aladro incluíndo na tarefa o Tenente Fiscal, Carmen Novo e abrindo a porta ao levantamento do segredo de sumario.
A familia de Sonia Iglesias comunicara a súa decisión de iniciar un proceso para solicitar a custodia do fillo de Sonia, xa que o menor vive co seu pai, Julio Araújo, que é o único imputado.
TRES ANOS DESAPARECIDA
A pontevedresa Sonia Iglesias desapareceu o 18 de agosto do 2010. A súa última pista pérdese despois de acudir a unha zapataría na rúa Arzobispo Malvar. Dende ese momento arrancou un proceso de busca no que non se encontraron pistas para esclarecer qué pasou e onde está a muller.
Sonia tiña 38 anos. Dende hai un ano a súa parella sentimental e pai do seu fillo, está imputada xudicialmente. O foi a última persoa que viu con vida a Sonia.