O xulgado número 2 do Contencioso-Administrativo de Pontevedra estima o recurso que presentaran os servizos xurídicos de Comisións Obreiras (CCOO) no caso dun funcionario da Policía Local de Pontevedra que se atopaba en situación de baixa por incapacidade temporal, que asistiu a tres xuízos como testemuña durante ese período e reclamaba a indemnización.
O director xeral de Recursos Humanos do Concello de Pontevedra, José M. González Abal, desestimara por silencio administrativo a petición do policía para que lle compensasen economicamente a asistencia a xuízos por mandato xudicial en cuestións relativas á súa actividade profesional.
O traballador e o sindicato entendían que, como recolle o acordo regulador do persoal funcionario do Concello de Pontevedra, os traballadores serán compensados cunha indemnización por importe do valor de tres horas extraordinarias cando sexan citados fóra das súas horas de servizo.
O Xulgado estima integramente este recurso e condena ao Concello pontevedrés a pagar as indemnizacións do axente, fixadas en 177,6 euros, aos que se suman os xuros.
CCOO indica que a negativa para pagar esta indemnización no seu momento polo goberno local mostra unha "persecución e penalización que sofren os colectivos que son máis críticos coas políticas de negociación e xestión de persoal que practica o BNG do Concello de Pontevedra".
Piden ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que ofreza explicacións e esíxenlle de forma inmediata que se reconduza "esta política de ataque e abuso, especialmente contra o colectivo da Policía local".
O sindicato lembra que xa en outubro tamén gañou unha sentenza similar no caso dun axente xa xubilado, citado por un asunto profesional da súa etapa en activo.