O xulgado cita o xerente do CHOP por un presunto delito de acoso laboral e dous de prevaricación

Pontevedra
22 de maio 2014

O Xulgado de Instrución número un de Pontevedra tomou este xoves declaración en calidade de imputadas a tres persoas relacionadas co Complexo Hospitalario de Pontevedra e o hospital do Salnés

Xulgados da Parda
Xulgados da Parda / Mónica Patxot

O Xulgado de Instrución número un de Pontevedra tomou este xoves declaración en calidade de imputados a tres persoas relacionadas co Complexo Hospitalario de Pontevedra e o Hospital do Salnés.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) trátase de José Manuel González, director xerente da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, Tomás Ardid Posada, director de procesos sen ingreso e urxencias, e de Juan Turnes Vázquez, xefe de servizo de dixestivo do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

A causa séguese por un presunto delito de acoso laboral e dous de prevaricación.

Non hai por agora imputacións individualizadas, é dicir, que polo momento non se poden entender que aos tres se lles imputen os tres delitos.

A toma de declaración a José Manuel González, ex conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, enmárcase nas dilixencias previas abertas en 2013 polo xulgado a raíz dunha denuncia presentada polo ex xefe de servizo de dixestivo Enrique Vázquez Astray.

A denuncia penal de Vázquez Astray interpúxose despois de que este médico tivese obtido unha sentenza ao seu favor do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra do 2012, ratificada posteriormente polo TSXG, na que se anulaba o seu cesamento como xefe de servizo ao entender que existiu "mala fe" na decisión da Xerencia.

Agora a xuíza titular do Xulgado de Instrución número un de Pontevedra investiga se se cometeu un delito de acoso laboral e dous de prevaricación.