O xulgado arquiva todas as causas que vinculaban ao Concello de Pontevedra coa "Operación Patos"

Pontevedra
09 de febreiro 2017

Segundo recolle o auto xudicial, a Fiscalía non atopa que haxa causa penal nas reformas da rúa Santa Clara, da avenida de Lugo e a pavimentación dun viario na parroquia de Salcedo, aínda que si que observa anomalías administrativas pero que corresponderían ao ámbito contencioso

Vicente Legísima, avogado da APDR
Vicente Legísima, avogado da APDR / Nacho Limetre

O Xulgado de Instrución número 1 comunicou este xoves ao Concello de Pontevedra o sobresemento provisional da causa aberta no marco da "Operación Patos", por mor de tres adxudicacións de obra á empresa Eiriña. 

Segundo recolle o auto xudicial, a Fiscalía non atopa que haxa causa penal nas reformas da rúa Santa Clara, da avenida de Lugo e a pavimentación dun viario na parroquia de Salcedo, aínda que si que observa anomalías administrativas pero que corresponderían ao ámbito contencioso.

O concelleiro de Persoal e Réxime Interior, Vicente Legísima García, informou que esta é a última causa pendente polo que, tras o seu arquivo, o Concello de Pontevedra queda agora á marxe da "Operación Patos", activada por un xulgado de Vigo en febreiro de 2014.

Legísima explicou en rolda de prensa que o arquivo é "provisional" pero que ao ser a Fiscalía a única acusación nesta causa enténdese que este paso elevarase a definitivo.

Nesta peza separada da "Operación Patos" a Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da Policía Nacional investigou os criterios de valoración das ofertas e o levantamento dos reparos técnicos, por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, por contratar o plan de seguridade e saúde á mesma empresa que executaba as obras, cando a lei obriga a elixir a unha compañía distinta. 

Vicente Legísima García subliñou que por parte do goberno local "nunca houbo nada que ocultar" apuntando que "estamos a disposición de todas as instancias para colaborar en calquera investigación" e sinalou que "se houbo algún incumprimento da norma foi para defender os intereses dos cidadáns".

O concelleiro considerou que a "vía penal é o último ao que se debe acudir" e lembrou que ao longo de todo este longo proceso tres funcionarios municipais "non o pasaron ben" xa que tiveron que acudir ao xulgado para declarar "e esta cuestión influíu na súa actividade cotiá porque acudir a un xulgado como investigado, aínda que non haxa delito algún, xa é unha pena en si mesma".

Finalmente Legísima García lembrou que no marco desta operación os axentes da UDEV levaron numerosas caixas de documentación das oficinas municipais "que esperemos que agora nos devolvan", dixo.