O xulgado anima aos prexudicados a persoarse na causa pola peaxe abusiva de Rande

Pontevedra
12 de decembro 2018

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra admitiu a trámite a demanda colectiva presentada pola Fiscalía contra a empresa Audasa, concesionaria da autoestrada AP-9, polas súas prácticas "abusivas" no cobro da peaxe de Rande durante os tres anos que duraron as obras de ampliación  

Ponte de Rande
Ponte de Rande / Mónica Patxot

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra admitiu a trámite a demanda colectivapresentada pola Fiscalía Provincial contra a  empresa Audasa, concesionaria da autoestrada AP-9, polas súas prácticas "abusivas" no cobro da peaxe da ponte de Rande durante os tres anos que duraron as obras de ampliación da infraestrutura. 

No mesmo auto no que admite a trámite a demanda, o xulgado tamén aproveitou para facer un chamamento a que se perssoen no procedemento as persoas que se consideren prexudicadas por ser usuarios do servizo que deu orixe ao proceso, para que fagan valer o seu dereito ou interese individual.

Este chamamento suspenderá o curso do proceso por un prazo de dous meses, constituíndo o inicio do cómputo deste prazo o día seguinte á publicación en diversos xornais. 

A estas persoas que se consideren prexudicadas o xulgado advírtelles, iso si, de que para comparecer no xuízo deberá contar cun procurador e asistencia de avogado. En todo caso, aínda que non se persoen, poden exercer os seus dereitos e intereses no suposto de ser estimada a sentenza. 

A Fiscalía presentou a súa demanda en defensa dos consumidores e usuarios e pide ao xulgado que dite unha sentenza que declare a nulidade da práctica de Audasa de cobrar integramente a peaxe da autoestrada en todo caso, sen moderar ou eliminar o seu importe cando non se está prestando o servizo en condicións suficientemente satisfactorias de fluidez e/ou seguridade do tráfico. 

A maiores, pide que se condene a Audasa a non volver usar esta práctica abusiva no futuro en calquera autoestrada que xestione en España. Para iso, ten un prazo dun mes para para remitir ao tribunal un criterio de eliminación do prezo da peaxe nos casos de insuficiente fluidez do tráfico. 

A condena incluiría reintegrar aos usuarios os importes das peaxes que fosen abonados no tramo da contorna da ponte de Rande durante os tres anos que duraron as obras de ampliación, entre o 27 de febreiro de 2015 e o 1 de xuño de 2018, cos intereses legais desde a data do pago de cada peaxe. 

Unha sentenza condenatoria tamén implicaría que Audasa pagase unha indemnización consistente no dobre do importe da peaxe a todos os usuarios que non sexan profesionais da condución e/ou titulares de empresas de transporte de mercadorías ou pasaxeiros, no desempeño de tales ocupacións profesionais ou empresariais, que acrediten atoparse nun dos atascos apuntados, ou en calquera outro que implicase retencións superiores a dez minutos.