O Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra acelerou a instrución do denominado caso Elsamex, aberto para investigar as supostas irregularidades nas prórrogas do contrato municipal de mantemento de parques e xardíns, e este venres empezou a tomar declaración ás testemuñas. O primeiro foi un enxeñeiro técnico do departamento de Parques e Xardíns que xa pasou polos xulgados da Parda á primeira hora da mañá en calidade de testemuña e, segundo transcendeu, respondeu a todo o interrogatorio.
Fontes xudiciais indicaron que a intención é acelerar todas as dilixencias e tomas de declaración deste caso, que chegou ao xulgado no mes de setembro remitido desde a Fiscalía de Pontevedra e o xuíz instrutor, Xermán Varela, admitiu a trámite hai escasos días. Búscase que o caso non se estanque e, ademais, non coincida coas dilixencias que se practiquen noutros casos que hai agora mesmo nos xulgados da Parda, como a operación Patos, da que se enviou pezas separadas a Pontevedra, asumidas polo Xulgado de Instrución número 1 e polos fiscais de Delitos Económicos Jesús Calles e Augusto Santaló. En principio, non se prevén dilixencias nestes días, pero prefiren evitar que cheguen a coincidir no tempo.
En relación coas declaracións, o vindeiro luns 16 de novembro hai previstas dúas novas comparecencias de novas testemuñas, dúas funcionarias municipais que redactaron o prego de condicións do concurso para adxudicar o servizo de mantemento de parques e xardíns aberto no ano 2014, e do que en xullo de 2015 resultou adxudicataria unha empresa diferente, Cespa.
No mesmo auto no que se pide citar a declarar a estes tres testemuñas o xuíz reclama ao secretario do Concello de Pontevedra que no prazo de cinco días nova documentación sobre as actuacións concretas que seguiron aos acordos da Xunta de Goberno do 30 de xaneiro de 2012 e 29 de xaneiro de 2013 nos que se ordenaba o inicio do expediente de contratación do servizo, trámite este que permaneceu dous anos parado, o que motivou dúas prórrogas do contrato previo. Ese prazo xa venceu e, segundo púidose saber, o xulgado xa está en posesión de nova documentación, que agora está a investigar. Non transcendeu se se entregou toda ou só unha parte.
O xuíz pediu documentación relativa a esas Xuntas de Goberno e a explicación das competencias de cada departamento municipal, asi como información de que concelleiro tiña competencias, xa fosen propias ou delegadas, para o impulso desa contratación do mantemento de parques e xardíns desde outubro de 2011.
Toda a investigación partiu dunha denuncia do PP de Pontevedra e, tras estudala na Fiscalía e chegar ao xulgado, o xuíz concluíu que os feitos denunciados "poderían constituír un delito de prevaricación", pero que é "necesario aclarar diversos extremoso dos feitos que permitan valorar de forma completa o sucedido e así concluír, ou non, na existencia de indicios máis específicos". Entre tanto, non é posible imputar ningún delito a unha persoa concreta.