O xuízo contra Audasa pola cobranza abusiva de peaxes, en febreiro, sen testemuños de ningún afectado e coa declaración crave de axentes de Tráfico

Pontevedra
04 de novembro 2019

O Xulgado do Mercantil número 1 acolleu este luns unha audiencia previa ao xuízo na que decidiu citar a declarar aos axentes da Garda Civil de Tráfico que traballaron na zona durante aquel período e fixar o xuízo para os días 11 e 12 de febreiro de 2020 

Audiencia previa na causa polo cobro abusivo de peaxes da AP-9
Audiencia previa na causa polo cobro abusivo de peaxes da AP-9

11 e 12 de febreiro de 2020. Son os dous días reservados polo Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra para o xuízo contra a empresa concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, pola cobranza "abusiva" da peaxe da ponte de Rande durante as obras de ampliación a pesar das restricións de tráfico que se produciron xa ten data. A causa ten a súa orixe nunha demanda colectiva presentada pola Fiscalía Provincial á que se adheriron dúas asociacións de afectados, Adicae e En Colectivo, e outros oito prexudicados particulares. 

O Xulgado do Mercantil número 1 acolleu este luns unha audiencia previa ao xuízo na que se examinaron diversas cuestións procesuais e fixáronse o obxecto do proceso xudicial e a proba que se practicará durante a vista. Como cuestiones claves que decidiu o maxistrado destaca que rexeitou que poidan declarar como testemuñas ata 82 afectados polos atascos durante o tempo das obras de ampliación e  decidiu citar a declarar aos axentes da Garda Civil de Tráfico que traballaron na zona durante aquel período.

O xuízo podería celebrarse xa nun prazo de 30 días e así sería recomendable por lei, pero o maxistrado decidiu pospoñer a data da vista para ter tempo de pedir á Dirección Xeral de Tráfico e a Garda Civil que identifique os axentes que traballaron naquel período, entre o 27 de febreiro de 2015 e o 1 de xuño de 2018, e citar aos aludidos.

As testemuñas rexeitadas propuxéranas a Fiscalía e a asociación En Colectivo. En concreto, a Fiscalía quería que declarasen dúas persoas afectadas e o colectivo de prexudicados propoñía a 74 particulares e seis empresarios, pero o maxistrado decidiu non admitilos porque considera que son parte "interesada" e "non os consideramos nin útiles nin pertinentes".

O maxistrado considera que son persoas directamente afectadas no procedemento e non poderían achegar datos obxectivos e decidiu non admitir a súa declaración como testemuñas, decisión que levou á Fiscalía e a En Colectivo a presentar un recurso de reposición. O avogado da asociación, Antonio Heredero, argumentou que a súa declaración é "a única forma real de acreditar a existencia duns feitos que son negados pola parte actora".

Por parte do ministerio público, os fiscais Alejandro Tuero González e Santiago Miguel Cruces valoran que esas testemuñas son "a proba directa máis útil e pertinente" deste procedemento e, ao non poder declarar, quedan sen a "proba directa fundamental para certifica os feitos", pois son as persoas que circulaban pola autoestrada nesa época e as que "mellor poden dicir" o ocorrido.

Con esta demanda, a Fiscalía aspira a que o xulgado dite unha sentenza que declare a nulidade da práctica de Audasa de cobrar integramente a peaxe da autoestrada en todo caso, sen moderar ou eliminar o seu importe cando non se está prestando o servizo en condicións suficientemente satisfactorias de fluidez e/ou seguridade do tráfico.

Así, o eixo fundamental sobre o que se basea a demanda é o período das obras de Rande, pero os fiscais do caso sosteñen que Audasa debe ser condenada a non volver usar esta práctica abusiva no futuro, tanto na AP-9 como en calquera autoestrada que xestione en España, cando xurdan incidencias do tráfico que impliquen retencións ou atascos na autoestrada ou, o que é o mesmo, que non se preste ao usuario o servizo polo que pagan.

Respecto diso, os fiscais sosteñen que Audasa non cambiou a súa conduta e "séguense producindo alteracións do tráfico  e séguese cobrando a peaxe". Ademais, nesta vista quixeron matizar que a súa demanda non se refire ao importe da peaxe, que é unha cuestión que eles non se paran a valorar nin a fixar, senón á cobranza íntegra do mesmo cando hai incidencias.

A Fiscalía pide que se condene a Audasa a reintegrar aos usuarios o dobre do importe das peaxes que fosen abonadas no tramo da contorna da ponte de Rande durante os tres anos que duraron as obras de ampliación a condición de que sufrisen atascos ou retencións superiores a dez minutos, que sería o dobre do tempo estimado para percorrer ese tramo.

Por parte de En Colectivo, asociación que representa a 200 afectados, cifran nuns 600.000 euros o diñeiro reclamado, pero fan un chamamento aos posibles afectados para que se personen nesta causa. Así, lembran que hai tempo para facelo e que, de media, as persoas que vivan en Pontevedra e traballen en Vigo, ou viceversa, poderán reclamar 3.000 euros. 

Durante o transcurso desta audiencia previa celebrada nunha sala de vistas da Audiencia Provincial o maxistrado desestimou a pretensión de Audasa de que tamén fosen parte demandada o Ministerio de Fomento e a Demarcación de Estradas do Estado. Esta solicitude xa fora rexeitada durante este procedemento tanto pola Fiscalía como polo propio xulgado