O xuíz, por agora, non ve indicios de delito nos supostos "enchufes" que reflectía un documento atopado durante un rexistro na sede da empresa Cespa, compañía concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de lixos na cidade de Pontevedra desde o ano 1999. Así, o titular do Xulgado de Instrución número 2 decidiu sobreseer provisionalmente esta causa, unha peza separada da Operación Patos.
A investigación partía dun informe elaborado pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) no que, citando este documento, evidenciaríanse diversas contratacións de traballadores que serían suxeridas por políticos e técnicos municipais. Entre os citados como 'mentores' destes enchufes están o alcalde ou varios edís do grupo de goberno.
Os axentes conclúen que, en Pontevedra, constan como contratados unhas 14 persoas que, segundo o informe, serían enchufados non só por políticos senón tamén por diferentes técnicos municipais ou mesmo por un axente da Policía Local
Pero segundo informa Carlos García en Faro de Vigo, o xuíz entende que o documento intervido en Cespa é "de autoría e data descoñecidas" e non supón un "indicio sólido" de que se cometese delito algún.
Ademais, o auto do maxistrado apunta a que non se pode concluír que as persoas que figuran como contratadas nese documento fosen como consecuencia da súa relación cos seus supostos mentores.
Entre as indefinicións do documento atopado no rexistro a Cespa, o xuíz sinala que non se aclara se estas persoas chegaron a traballar sequera para a compañía ou se tiñan previsto facelo nun futuro. Tamén lle parece estraño que, polo menos tres dos supostos mentores, son persoas que "non parece que teñan especial capacidade de influír" ao ser un axente da Policía Local, un sindicalista e un vixiante do mercado.
Este último apuntamento fai, segundo o maxistrado, que a hipótese de que as persoas citadas no documento propiciasen "enchufes" na compañía "vólvese menos probable".
A pesar de non manter aberto o caso por agora, o xuíz require á UDEF que detalle onde se localizou devandito documento exactamente e que identifique as persoas relacionadas co mesmo. Ademais, tamén pide que se informe sobre se esas catorce persoas que aparecen na listaxe traballaron para Cespa, datos que deberá achegar a Seguridade Social.
Será a partir destas investigacións cando o xuíz adopte unha decisión definitiva sobre esta peza separada da Operación Patos.
O GOBERNO MUNICIPAL, SATISFEITO
Este arquivo provisional da causa demostra, segundo a tenente de alcalde Carme da Silva, que o Concello "non ten nada que ocultar". A edil do BNG sinalou que están "orgullosos e tranquilos" co traballo que realizan no goberno municipal e por iso "que investiguen o que queiran".
Tras reiterar que no goberno municipal "estamos a disposición da xustiza", Da Silva sinalou que este tipo de investigacións "non nos preocupan" porque están "seguros" da honestidade de todos os seus membros. "Que nos collan polos pés e nos sacudan", afirmou.
Ademas, a tenente de alcalde avanzou que os técnicos municipais están a ultimar o informe sobre a investigación interna que levou a cabo o Concello sobre a política de contratacións de Cespa en Pontevedra e lembrou ao PP, que solicitaba unha comisión de investigación sobre este asunto, que todos os expedientes municipais están á súa disposición para ser consultados.
Desde as filas do PP, o concelleiro César Abal sinalou que o seu partido sempre respectou a presunción de inocencia dos membros do goberno municipal pero lamentou "non ter máis información" sobre esta investigación. "Aquí o que falta é máis información e transmitir tranquilidade", explicou o edil popular, porque lembra que o xuíz "vai a seguir investigando".