O xuíz que investiga o naufragio do Villa de Pitanxo pide explicacións ao Goberno por non cumprir as súas ordes

Marín
22 de maio 2023

O xuíz Ismael Moreno, que investiga o naufraxio do Villa de Pitanxo, reclamou ao Goberno que informe "urxentemente" sobre por que non se deu "debido cumprimento" ás súas ordes "claras e precisas" para que a expedición de baixada ao barco estivese coordinada pola Audiencia Nacional

Sede da Audiencia Nacional en San Fernando de Henares, Madrid
Sede da Audiencia Nacional en San Fernando de Henares, Madrid / Mónica Patxot

O xuíz Ismael Moreno, que investiga o naufraxio do Villa de Pitanxo, reclamou ao Goberno que informe "urxentemente" sobre por que non se deu "debido cumprimento" ás súas ordes "claras e precisas" para que a expedición de baixada ao barco estivese coordinada pola Audiencia Nacional.

Nunha providencia dirixida ao Ministerio de Transportes, o titular do Xulgado Central de Instrución número 2 lembra que é o seu xulgado o que debía determinar "tanto as datas de realización, como a forma e peritos intervenientes" nos labores de procura do buque galego.

Así o reflectiu en senllas comunicacións, emitida os pasados 8 e 17 de maio, este último tras recibir un correo electrónico da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) anunciando que o barco a cargo da expedición partiría ese mesmo día.

"Non se deu debido cumprimento polo Ministerio de Transportes ao que se acordou, a pesar de ser reiterado", subliña o xuíz Moreno no seu escrito, requirindo información aos responsables da Subdirección Xeral de Administración e Xestión Financeira e da CIAM.

O buque Ártabro partiu de Vigo cun só perito xudicial e "sen expresa autorización deste xulgado", reprocha o maxistrado, que subliña que se fixo "prescindindo total e absolutamente de canto extremos e circunstancias se apuntaban no oficio de referencia".

É máis, Moreno pide que aclaren "se efectivamente o buque partiu, se a bordo se atopa algún dos peritos xudiciais designados", así como o itinerario, as datas de realización dos traballos contratados ou as medidas que se adoptaron ou se van a adoptar para garantir a presenza física dos dous peritos xudiciais que deben estar presentes na expedición.

Eles son, precisa o xuíz, quen "debe emitir o correspondente informe pericial e presentalo ante este xulgado".

O xuíz tamén solicita á Subdirección Xeral de Administración e Xestión Financeira que remita o acuse de recibo do seu oficio do 10 de maio, dado que "salvo erro, non consta recibido nesa data, senón que se recibiu o mesmo, por mensaxeiro" o 17 de maio.

A saída da expedición que debe buscar os restos do Villa de Pitanxo provocou gran indignación nas familias dos 21 mariñeiros falecidos, que consideran que "pon en perigo" a validez das probas que se atopen e que solicitaron ao xuíz que ordene o seu regreso.