O caso Elsamex arquívase. O xulgado de instrución número 2 de Pontevedra non aprecia delito de prevaricación na actuación do goberno municipal con respecto ás prórrogas irregulares aprobadas no contrato que a empresa tiña subscrito co Concello para o coidado e mantemento dos xardíns e zonas verdes da cidade. Así se recolle no auto xudicial asinado polo maxistrado Xermán Varela.
Máis aló de existir un "conflito de xestión" que, segundo o titular do xulgado que se fixo cargo da causa, resolveuse de forma "pouco diligente" por parte do concello, ao non licitar o novo contrato en tempo e forma, as actuacións ordenadas polo goberno municipal non pretenderon "obviar" a aplicación do ordenamento xurídico, polo que non son constitutivos de delito penal, como apreciaban a Fiscalía e o denunciante do caso, o Partido Popular.
A investigación partía dunha denuncia presentada polo PP ante a Fiscalía. Nela, sinalaban que o goberno ampliara de forma irregular o contrato de mantemento de xardíns, asinado en 2006 e que debería ter finalizado en 2010. Tras dúas prórrogas que estaban contempladas na licitación, en febreiro de 2012, o Concello ampliou un ano máis o contrato a pesar de que os técnicos municipais censuraron esta decisión administrativa.
Ese mesmo reparo foi levantado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ao ano seguinte. Pero a situación complicouse aínda máis cando, entre o 28 de febreiro de 2014 e o 23 de setembro de 2015 -data na que se adxudicou o novo contrato á empresa Cespa-, Elsamex seguiu traballando sen contrato e remitindo ao Concello facturas mensuais duns 35.000 euros pola prestación do servizo.
Cada unha desas facturas, que presentaban reparos por parte de Intervención, foi abonada por orde do alcalde.
Ao mesmo tempo que se acordaban esas prórrogas, o Concello ordenou iniciar o procedemento para a licitación dun novo contrato. Pero como se comprobou durante a declaración como testemuñas do técnico encargado do servizo e de diferentes funcionarios municipais, houbo problemas de xestión que demoraron estes traballos a pesar da "vontade manifestada" polo goberno local para "remediar" estas irregularidades.
Para o maxistrado, os servizos que prestaba Elsamex eran "vitais" para a comunidade, polo que "non cabía a opción de deixar de atendelo" aínda que finalizase o contrato asinado no seu día e sinala que a pesar do atraso na súa licitación, esta fíxose mediante un procedemento "público e regulado", sen prexudicar as "esixencias" da libre competencia e sen causar "prexuízo" económico algún á cidadanía.
Ademais, o titular do xulgado de instrución número 2 de Pontevedra rexeita as dilixencias adicionais requiridas pola Fiscalía -como a declaración da responsable municipal de Contratación ou os directivos de Elsamex e a petición de máis información ao Concello, ao entender que "non son pertinentes" neste momento, xa que o resultado das mesmas "non determinaría unha diferente valoración á realizada".
VALORACIÓN DO CONCELLO
Tras coñecer o arquivo da causa, o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima, sinalou que se trata dunha decisión xudicial "razoada e completa". A pesar de que recoñeceu o reproche que fai o xuíz ante algunha irregularidade administrativa "queda demostrado que a denuncia non tiña cabida a nivel penal".
"Nós podemos mirar de fronte aos cidadáns e sen agachar a vista porque non ocultamos nada. Outros non o poder facer porque nin actúan polo ben da cidadanía, senón por intereses espurios", destacou o concelleiro nacionalista.
Así, García Legísima entende que o PP como denunciante, se tivese un "pouco de decencia política", non presentarían recurso contra esta decisión do xuíz e deixarían de "utilizar" a xustiza contra o goberno municipal de Pontevedra, algo que "non merece cualificativo, senón desprezo".
A pesar desta contundente resolución, o PP avanzou que recorrerá o arquivo da causa.