O xuízo contra a empresa Audasa pola cobranza das peaxes da autoestrada AP-9 durante as obras de ampliación da ponte de Rande comezou este martes cunha de cal e outra de area para a Avogacía do Estado. O titular do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra deulle a razón ao admitir a trámite que o Ministerio de Transportes estea presente na causa, pero fíxoo evidenciando que con esta comparecencia, de forma "indudable" o Goberno estatal está a defender os intereses da empresa Audasa fronte os dos afectados que denuncian cobranzas abusivas.
A Avogacía do Estado non se manifestou neste procedemento que se iniciou a finais de 2018 cando a Fiscalía presentou unha demanda colectiva contra a empresa concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, por unha práctica "abusiva" que lle atribúe ao cobrar a peaxe da ponte de Rande coa tarifa ordinaria durante o tempo que duraron as obras de ampliación a pesar de que había restricións permanentes de tráfico e por tanto o servizo era deficiente.
Transcorrido máis dun ano, e a tan só uns días do inicio deste xuízo, en xaneiro pediu comparecer. A petición recibiu xa previamente o rexeitamento da Fiscalía e das partes demandantes que se sumaron á súa acción colectiva, as asociacións en Colectivo e Adicae e oito afectados a título particular. Este martes, no inicio do xuízo, todos rexeitaron de novo esa comparecencia, pero o maxistrado desatendeu as súas peticións e confirmou que a Avogacía pasa a ser intervinte voluntario.
Os dous fiscais que levan este procedemento, Alejandro Tuero e Santiago Miguel, reprocharon, entre outras consideracións, que o Estado non especificaba na súa demanda se quería ser parte demandante ou demandada, aínda que, polo contido da mesma, entenden que "lo hace en defensa de Audasa".
Valoracións similares realizaron os avogados das asociacións En Colectivo e Adicae e de avogados demandantes e o maxistrado, á hora de admitir a comparecencia, deulles a razón. Así, o xuíz Manuel Marquina Álvarez sostivo que aínda que non sinalan expresamente se son demandante ou demandado, tendo en cuenta o seu escrito, "está claro" de forma "indubidable" que a Avogacía do Estado non se está presentando en actitude de demandante se non "alineándose con la parte demandada".
"El Ministerio de Transporte está interviniendo en defensa de la parte demandada", sinalou o xuíz, contradicindo ao propio Ministerio de Transportes, que, días atrás emitiu un comunicando indicando que a súa comparecencia non respondía a unha posible defensa de Audasa, pois están "completamente de acordo en que se lle esixan responsabilidades" no caso de que obrase incumprindo a normativa ou das súas obrigacións e é a súa obrigación esixirlla.
O avogado do Estado, pola súa banda, xustificou na sala de vistas que comparece nesta causa porque a demanda da Fiscalía, ao seu xuízo, pide que "se modifiquen las circunstancias de la explotación de la AP-9" e "alterar las bases de la explotación afecta al Estado".
Fronte a esta argumentación do Estado, o avogado de En Colectivo xa insistira en que "parece dificil o incluso imposible que exista un perjuicio para el Estado".
Ademais, cabe destacar que a Fiscalía non se refire na súa demanda ás condicións da explotación, nin á propia concesión a Audasa para explotar a AP-9 nin ao seu dereito para cobrar ou o importe da peaxe, senón que quere que se declare nula a práctica de cobrar integramente a peaxe da autoestrada en todo caso, sen moderar ou eliminar o seu importe cando non se está prestando o servizo en condicións suficientemente satisfactorias de fluidez e/ou seguridade do tráfico, como ocorreu na AP-9 durante o tempo que duraron as obras.
Tanto a Fiscalía como o resto de partes acudidas na causa excepto Audasa anunciaron un recursos de reposición á decisión do xuíz de admitir esa comparecencia, pero, de novo, o xuíz, desestimounos.