O xornalista Javier Casal será o pregoeiro das Festas do Carme de Marín

Marín
24 de xuño 2023

Así o anunciou este sábado a alcaldesa de Marín, María Ramallo, que presentou o cartel destas festas, creado pola artista Belén Diz. Javier Casal, nacido en Marín en 1973, dirixe e presenta actualmente o informativo nacional Hora 14, que se emite de luns a venres na Cadena Ser

Presentación do cartel das Festas do Carme de Marín
Presentación do cartel das Festas do Carme de Marín / Concello de Marín

Marín xa está a ultimar os preparativos para a súa semana grande, as Festas do Carme que se celebrarán na vila entre os días 7 e 16 de xullo. E xa sabemos quen será a persoa que dará o pistoletazo de saída a estes festexos: o xornalista marinense Javier Casal.

Así o anunciou este sábado a alcaldesa de Marín, María Ramallo, que presentou acompañada das edís Marián Sanmartín e Itziar Álvarez o cartel destas festas, creado pola artista Belén Diz.

Javier Casal, nacido en Marín en 1973, dirixe e presenta actualmente o informativo nacional Hora 14, que se emite de luns a venres na Cadena Ser.

"É un xornalista referente, unha voz autorizada que nos informa día a día a través das ondas da actualidade pero que, a pesar de todo ese esforzo, sempre ten momentos para acordarse do seu Marín, onde nos sentimos orgullosos de telo como veciño", asegurou Ramallo.

O pregón será o sábado 8 de xullo e servirá de inicio ás festas, despois da véspera na que actuará Abraham Mateo. A partir da próxima semana, poderase consultar a programación completa por días das festas na web municipal.

As festas terán grandes actuacións musicais como as das orquestras París de Noia ou Combo Dominicano, entre outras, ademais dunha intensa programación de dinamización para todas as idades, que incluirá moitas citas ineludibles para todos.

CARTEL CON HOMENAXE ÁS VÍTIMAS DO PITANXO

Con respecto ao cartel, Belén Diz explicou que buscaba principalmente "rescatar a idea de Marín como pobo mariñeiro, ilustrando elementos representativos da festividade, como a embarcación e as flores, e do mar para darlle un toque máis fresco, algo que se potencia coa técnica empregada, bolígrafo de cor azul".

Todos estes elementos están arroupados por unha representación da Virxe do Carmen un pouco menos convencional, sen atavíos, só como unha figura que funciona como elemento protector, acollendo as embarcacións entre as súas mans.

Neste punto, a ilustradora quixo facer unha "pequena homenaxe" as vítimas do naufraxio da Villa de Pitanxo, "que tiven moi presente durante o proceso creativo".