O Xogo da miñoca triunfa entre os escolares de Campo Lameiro

Umia
24 de xaneiro 2019

Escolares do CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro coñecen á mascota educativa do Plan Revitaliza

O "Xogo da miñoca" no CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro
O "Xogo da miñoca" no CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro / Deputación de Pontevedra

O alumnado do CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro comezaron este xoves a participar nos obradoiros e xogos sobre compostaxe que realiza a Deputación nos centros de ensino da provincia ao abeiro do Plan Revitaliza. Escolares de Infantil e 1º e 2º de Primaria xogaron este xoves coa mascota educativa do plan provincial, un colémbolo que amosou a 36 pequenos como se fai o compost grazas ao "Xogo da miñoca".

A actividade consistiu nunha variación do xogo da oca na que os nenos, formando equipos, tiveron que pasar unha serie de probas e preguntas (sobre que tipo de elementos se poden botar na composteira, como se produce a conversión do lixo en compost, ou que técnicas hai que aplicar para chegar a ter un bo compost). O alumnado tamén tivo que buscar solucións a elementos negativos para a compostaxe do lixo orgánico, como a achega de impropios ao composteiro ou esquecer pechar a tapa deste, casiñas que provocan que no xogo se atrasen postos ou se deixen xogadas sen tirar.

Con esta actividade e as previstas para as vindeiras semanas (charlas informativas "A voltas coa compostaxe" e a posta en marcha dun composteiro no propio centro), a totalidade do colexio (69 alumnos) implicarase na compostaxe como modelo de xestión de lixo para o centro de ensino.