O xesto feminista de Paula Dapena por Maradona, noticia en medios de todo mundo

Pontevedra
30 de novembro 2020

O xesto da pontevedresa Paula Dapena deu a volta ao mundo. Literalmente. A súa decisión de non secundar un minuto de silencio pola morte de Maradona e os seus motivos, que quixo compartir en primicia con PontevedraViva, revolucionou as redes

Paula Dapena, durante o minuto de silencio
Paula Dapena, durante o minuto de silencio / Tania Esperón

O xesto da pontevedresa Paula Dapena deu a volta ao mundo. Literalmente. A súa decisión de non secundar un minuto de silencio pola morte de Maradona e os seus motivos, que quixo compartir en primicia con PontevedraViva, revolucionou as redes.

O nome desta xogadora do Viaxes Interrias FF situouse como 'trending topic' en Twitter, é dicir foi un dos temas máis comentados do domingo. E pouco despois de publicarse a noticia, comezaron a facerse eco as grandes cabeceiras nacionais e internacionais.

Diarios deportivos como Marca, El Mundo Deportivo, Sport ou AS non tardaron en citar a entrevista que Paula Dapena concedeu a PontevedraViva e a súa foto sentada e de costas durante o minuto de silencio organizado na Cidade Deportiva de Abegondo, na Coruña

Pero pronto a noticia saltou a xornais como El País, El Mundo, El Periódico de Catalunya ou La Voz de Galicia e a dixitais como 20 Minutos, El Confidencial, El Plural ou El Huffington Post. Radios e televisións como a SER, a COPE, Onda Cero, laSexta ou TVE seguiron os seus pasos.

A medida que a repercusión ía aumentando, a negativa da moza pontevedresa de homenaxear a Maradona polas "barbaridades que cometeu fóra do campo", segundo explicaba en PontevedraViva, chegou á prensa internacional.

Xornais como Le Figaro (Francia), O Jogo (Portugal) ou Clarín e Olé (Arxentina) e medios de países como Italia, Colombia, Costa Rica ou México tamén a incluíron nas súas respectivas edicións.

E si, por suposto, Twitter tamén se pronunciou e asolagouse de mensaxes a favor de Paula Dapena, especialmente por parte de colectivos feministas.

 

Iso si, tamén recibiu innumerables críticas dos admiradores de Maradona, que censuraron este xesto ao entender que era unha falta de respecto.


Sexa como sexa, Paula Dapena logrou remover conciencias e a súa 'sentada' durante o minuto de silencio polo xogador arxentino converteuse xa para moitos en todo un símbolo.