O xerente de Gescomar afirma que nun ano podería estar resolto o proxecto dos chalés de Valdecorvos

Pontevedra
04 de xuño 2015

Pablo Díaz, xerente da Sociedad Gestora de Cooperativas, indica que nos últimos anos se presentaron cinco propostas para esta construción que non recibiron resposta dos cooperativistas  

Terreos onde estaba prevista a construción dos chalets de Valdecorvos
Terreos onde estaba prevista a construción dos chalets de Valdecorvos / PontevedraViva

O xerente de Gescomar, a Sociedade Xestora de Cooperativas,Pablo Díaz, saíu ao paso das reclamacións a través de Change dos cooperativistas de Valdecorvos. Apunta que dende esta empresa sempre apostaron por finalizar o proxecto dos chalés previstos nestes terreos situados nas proximidades da parroquia de Mourente.

Díaz afirma que nos dous últimos anos se presentaron catro ou cinco propostas para o proxecto e nunca obtiveron resposta dos cooperativistas e alerta de que "no nos pagan ninguna factura desde el principio de la gestión. Nos vemos involucrados dentro de un problema en el que no recibimos respuesta".

Sinala que no seu momento chegaron a un acordo con Xestur dentro dunha das operacións urbanísticas máis importantes que se desenvolveu en Pontevedra pero foi necesario solicitar aprazamentos para o pagamento da parcela. E por iso o proxecto paralizouse. Non obstante, o xerente indica que seguen recibindo dous ou tres chamadas ao mes preguntando polos chalés. "La gente que se quiera ir de los chalets que se vaya y que deje a la gestora que siga con el proyecto", afirma alegando que queren manter unha actitude construtiva dentro desta operación.

Ante esta situación, a administración pode dar máis prazos para escriturar o terreo mentres se busca financiamento e comezar o proxecto. "Lo que hay que hacer es buscar una gente que esté interesada", apuntan dende Gescomar. E afirman que a Xunta de Galicia veu mantendo contacto cos cooperativistas a través da directora comercial e do secretario xeral de Vivenda. "Yo entiendo a los cooperativistas que van a por todas, pero la Xunta y los juristas dicen que está bien adjudicada y ellos eran conocedores de que, si no desarrollaban el proyecto, la Xunta les incautaba el dinero. Por nuestra parte, vamos a llevar el proyecto adelante. Llegaremos a acuerdo con los cooperativistas que quieran seguir".

Neste sentido, Pablo Díaz apunta a que a última proposta era a dun proxecto máis tradicional fronte á primeira que era unha construción moi contemporánea, branca e moderna "que le gustaba a un abanico menor de gente. Ahora estamos viendo unos chalets de piedra", afirma.

Dende a empresa sinalan que están a estudar montar a oficina en Pontevedra para que nun ano poida estar todo o proceso resolto para iniciar as construcións e manteñen a intención de establecer un diálogo cos cooperativistas. A promoción inicial establecía 11 chalés pegados, con 3 dormitorios, 2 baños, salón, cociña, adega, rocho e 2 prazas de garaxe e o prezo situaríase entre 175.000 e 180.000 euros.