O xerente da área sanitaria ve unha evolución da pandemia "favorable" nas últimas seis semanas, sen "ningún problema" asistencial

Pontevedra
26 de agosto 2021

José Ramón Gómez sinala a noticia "máis esperanzadora" é a relacionada coa vacinación, pois na área sanitaria xa teñen polo menos unha dose da vacina ao redor de 244.000 persoas, entre o 88 e o 89% da poboación susceptible de vacinarse. Aproximadamente 212.700 persoas teñen xa a pauta completa, o que supón o 78% 

Xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez
Xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez / Mónica Patxot

A situación sanitaria derivada da covid-19 "evoluciona de maneira favorable nas últimas 6 semanas" na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Así o confirmou este xoves o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez Fernández, que engade que "a nivel asistencial non estamos tendo ningún problema".

O xerente realizou un balance este xoves e sinalou que en relación coa hospitalización a situación é "moi estable". Na unidade de coidados críticos do Hospital Montecelo levan varias semanas con entre 4 e 5 pacientes -cinco este xoves- e en planta de hospitalización baixouse de entre 30 e 35 pacientes hai mes e medio a 13 este xoves. 

En canto aos casos activos, nestas seis semanas baixaron de máis de 3.000 a menos de 800. Este xoves hai, en concreto, 795, dos que 18 están hospitalizados e 777 en corentena no seu domicilio. 

José Ramón Gómez indicou que que a medida que vai baixando a incidencia acumulada a estratexia das autoridades sanitarias supuxo ir pasando da realización masiva de test de antíxenos á realización de probas PCR.

A área sanitaria organiza cribados poboacións nos municipios e grupos de idade con maior incidencia. Este xoves están a realizarse na Lama, o venres será en Soutomaior e o sábado tocaralle a Cerdedo-Cotobade.

Ademais, xa están a planificar a próxima semana e para iso atópanse "revisando a situación dos diferentes concellos".

O balance do xerente sinala a noticia "máis esperanzadora" é a relacionada coa vacinación, pois na área sanitaria xa teñen polo menos unha dose da vacina ao redor de 244.000 persoas, entre o 88 e o 89 por cento da poboación susceptible de vacinarse fronte á covid-19.

Aproximadamente 212.700 persoas teñen xa a pauta completa, o que supón o 78% da poboación, e 31.500 teñen unha dose, o 11%.