As unidades da Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) Galicia VII teñen un "excelente nivel de preparación", apreciable tanto nas súas accións en España coma nas súas misións no exterior. Así o destacou o xefe de Estado Maior do Exército (JEME), o xeneral de Exército Jaime Dominguez Buj, na súa primeira visita ás bases da Brigada en Figueirido e Cabo Noval (Asturias) dende a súa chegada ao cargo.
O JEME coñeceu o traballo e os exercicios de preparación da Brigada en ambas as dúas bases. Segundo difundiu a Brilat nun comunicado, ao termo da visita, resaltou o traballo realizado polos militares na operación Sentinela Galega de prevención contra os incendios forestais en Galicia e nas súas misións no exterior.
O xeneral Dominguez Buj referiuse de forma específica á misión que a Brilat asumirá a partir de finais de outubro en Afganistán e desexou "moitos éxitos ao próximo continxente". Fíxoo despois de presenciar, primeiro en Asturias e, posteriormente, en Figueirido (onde se desprazou en helicóptero) actividades do módulo de adestramento que se estaban a realizar relacionadas co futuro despregamento no país asiático.
En Asturias recibírono o xeneral xefe da Brilat, Jose Antonio Alonso Miranda, e o xefe do Rexemento 'Príncipe 3', o coronel Fernando García GonzalezValerio, que asumirá o mando do próximo continxente ASPFOR XXXII (Forza española en Afganistán) e lle explicou os detalles da instrución e o escenario que se encontrará a Brigada no seu despregamento.