Pouco a pouco o turismo de xardíns comeza a ser coñecido e practicado polos viaxeiros españois. Iso é o que nos contan dende o Xardín da Saleta, unha das valiosas xoias que temos en Galicia, apreciada dende hai décadas polo público estranxeiro -chegaron a visitalo os donos dos Castelos do Loira- e que agora comeza a ser coñecida polo público patrio.
O xardín do que vos falamos é "una das máis importantes coleccións botánicas privadas de España" segundo o Comité Español do Programa Home e Biosfera da UNESCO e o mellor de todo é que está situado aquí, na provincia de Pontevedra, no municipio de Meis.
Creado por un matrimonio británico, Margaret e Robert Gimson, a partir do ano 1970 e deseñado pola arquitecta paisaxista Brenda Colvincon especies de todo o mundo: Australia, Nova Zelandia, Estados Unidos, Sudamérica, Sudáfrica, Asia..., en 1996 tivo a inmensa sorte de ser adquirido nunha gran parte pola familia Rodríguez Coladas, que conseguiu, non só conservar con mimo todo o que deixaran os seus fundadores, senón tamén duplicar a colección seguindo a mesma filosofía que o matrimonio Gimson.
"Plantamos de todo, tendo en conta varios criterios: que o clima e a terra sexan favorables para o seu desenvolvemento, que sexan plantas e árbores belas e que dean flor a ser posible e que sexan raros e únicos en Galicia e mesmo en España" -coméntannos orgullosas Blanca Coladas e Silvia Rodríguez, actuais xestoras do xardín que poñen toda a súa paixón neste labor.
O xardín é visitable todos os días do ano pero sempre previa cita. A visitas son guiadas por Blanca e Silvia, que fan explicacións botánicas pertinentes para que o visitante poida apreciar o valor do que está a ver e aprender todas as curiosidades de moitos dos exemplares.
A singularidade deste xardín, á parte de ser unha colección única en Galicia con especies de todo o mundo, é que é un xardín de estilo inglés -predominan en España os de estilo francés- e é un xardín de inverno que comeza agora a súa gran floración. Ademais está integrado dende a súa creación na interesante Ruta da Camelia, un conxunto de doce xardíns de Galicia que contan con importantes coleccións de camelias que, precisamente agora, están a comezar a florecer.
A visita ao xardín non ten unha duración prederminada, "normalmente son dúas horas pero chegamos a estar ata tres horas e media con algúns visitantes que se entusiasmaban e facían fotos de todo", coméntanos Silvia. Á parte do xardín, visítase a capela, consagrada á Virxe de La Saleta, unha exposición de artesanía e o pombal, recén acondicionado como pequena adega.
Adiántannos que "pronto se farán tamén visitas científicas polo noso enxeñeiro agrónomo Xesús Fernández, o noso asesor en materia botánica, e que irán dirixidas a un público entendido no tema". Ao mesmo tempo coméntannos que "non fai falta ser sequera afeccionado ás plantas para gozar a visita, de feito, moita xente que vén é a primeira vez que entra nun xardín botánico e se van sorprendidos e felices".
Información de prezos e reservas en [email protected] e nos teléfonos: 629 81 68 80 y 609 33 00 56. Para eventos no xardín contactar con direcció[email protected] y 629 44 37 83.