A Escola Xadrez Pontevedra retoma unha nova campaña, entre o 6 e o 17 de abril, no campo de refuxiados de Azraq en Xordania. A primeira iniciativa foi en 2016. O obxectivo era facer chegar o xadrez para normalizar a vida das persoas que vivían nos campos de refuxiados.
O ano pasado trasladáronse un total de 142 quilos de material para poder realizar as partidas de xadrez, pero este ano aínda teñen que seguir levando. Igualmente, a ONCE participou cedendo material para que os invidentes tamén tivesen a oportunidade de gozar da actividade.
Pablo García, colaborador do campo de refuxiados no 2016, aclaraba que a campaña ten dúas vías de actuación diferenciadas, unha dentro do propio campo de refuxiados e outra na comarca de Pontevedra.
Xunto aos refuxiados o principal obxectivo foi a instalación da primeira escola de xadrez. Pablo explicou tamén que os nenos contaban con máis organizacións para normalizar a súa situación. En cambio os adultos, despois de preparar a comida e recoller auga non dispoñen de ningunha actividade para entreterse.
O carácter da actividade é completamente terapéutico porque os refuxiados van xogar para evadirse da realidade que están a sufrir. Outro aspecto fundamental era dotar ao campo de refuxiados dos materiais necesarios para desenvolver a actividade, ademais de formar profesores de xadrez autosuficientes para manter a actividade.
O campo de refuxiados onde están destinados Pablo e Daniel Rivera ten unha capacidade de 133.000 persoas. Naquel momento había aproximadamente 40.000 sirios e cada día chegaban 250 novas persoas, actualmente a cifra rolda os 50.000 refuxiados. Requirido por este aumento, a Escola de Xadrez de Pontevedra decidiu crear unha segunda sede, a través de UNICEF pero máis centrada nos nenos.
Por outra banda, estableceuse unha conexión para poder traballar vía online, medio que permite os refuxiados xogar con calquera persoa do mundo. Os encargados da plataforma son unha empresa alemá, Playchess.com, especializada en xadrez, que habilitaron unhas contas virtuais para que os refuxiados teñan acceso continuo.
A segunda vía de actuación é en Pontevedra e cos cidadáns. Pablo sinala que o esencial é demostrar que "calquera gran de area podía tentar cambiar un pouco a situación deles, achegar un pouco de ilusión".
Para iso realizaron unha campaña de sensibilización en diferentes centros educativosa través do lema "Unha cor, un lapis, unha goma igual a un sorriso" que xurdiu do CEIP de Tenorio. Isto consiste en que diferentes alumnos de centros educativos da comarca debuxen e escriban unha frase para cada un dos nenos que hai no campo de refuxiados, como medio de concienciación.
O mércores 6 de abril, ás 19:00 horas, no Casino Mercantil de Pontevedra expoñeranse os recoñecementos, agradecementos e todo o material que levarán este ano.