O X Encontro Internacional de Palilleiras de Portonovo, organizado pola Asociación de Mulleres Rurais Santa Catalina de Portonovo e con colaboración da agrupación As Bolboretas terá lugar este domingo 2 de abril durante todo o día, e chega con expectativas de superar as cifras de asistencia do ano pasado.
Este encontro xurdiu coa Festa da Raia, alá polo 2007.Nos seus inicios só se celebrara unha sesión de tarde e aproveitando a carpa da Raia tiña lugar o fin de semana seguinte ou o anterior. Os primeiros anos, a profesora Teresa Lozano, que ademais de ensinar en Portonovo ten dous cursos e dá en máis sitios como Raxó, Pontevedra e O Grove, "era ela quen se encargaba de xuntar á xente", explícanos Teresa Torres, palilleira de Portonovo e pertencente á asociación. "Cando vimos a boa acollida que tivo, decidimos entón que queríamos todo o día e fomos de novo ao concello. É unha forma de promocionar Portonovo e é diñeiro que queda no pobo" asegura. Na organización colaboran practicamente todos os locais de Portonovo e Sanxenxo.
A gran resposta lograda na cita anterior levounos a facer esta convocatoria internacional, e esperan que acuda xente das catro provincias de Galicia, de Madrid, e de lugares tan distantes como Salamanca, Murcia ou Portugal. Enviaron ao redor de cen invitacións, e de novo por imposibilidade de albergar a máis participantes, tivo que pecharse xa o prazo de inscrición."Dános moitísima pena pechalo, tivemos que deixar centos de persoas fóra", afirma Teresa. Unha das razóns é que a carpa é máis pequena que en anos anteriores. E debido a que para palillar hai que estar cómodo e "houbo xente que protestou porque estiveron moi apertadas" este ano, das 722 palilleiras sentadas da edición anterior, este ano serán só unhas 680.
Para este evento na asociación levan traballando desde xaneiro, cóntanos Teresa. E estarán desde o venres ata o domingo moi cedo preparándoo todo para recibir os visitantes. Esperan superar as cifras do ano pasado e calculan que acudirán ao redor de 1.000 persoas este fin de semana a Portonovo. "Porque ao encontro non só acoden as palilleiras, tamén veñen os postos de venda, máis toda a xente que vén detrás, desde familias a asociacións."
Cada ano como xa é costume, obsequian tanto ás profesoras como a cada palilleira cun agasallo por asistir. O ano pasado deron a cada palilleira dous palillos negros, e hai dous anos un separador e un palillo gravado coa edición da palillada, explica Teresa. Para este darán un imán, que é "moi útil" para cando che caen os alfinetes ao chan e tes que recollelos. Nos postos venderanse cousas relacionadas co labor, como palillos, separadores, fíos, almohadillas ou alfinetes.
A carpa este ano vai situarse no exterior da piscina municipal e o encontro dará comezo ás 10.00 horas. Contarán coa actuación de Os Gatiños de Portonovo pola mañá e pola tarde co actor de Portonovo Hugo Andrade, do Teatro Laranxo.
Ao redor de 1.000 persoas acudirán este fin de semana a Portonovo
Desde a asociación organizan un sorteo no que colaboran os comercios da zona, "pedímoslles un detalle para o sorteo e ninguén nos di que non", segundo Teresa. Nesta reunión de palilleiras que é unha forma de compartir experiencias "e promocionar a nosa artesanía" o público asistente pode observar de preto como é o encaixe de palillos e gozar ademais da exposición dos traballos das palilleiras, desde mantelerías, xogos de cama, colchas, xogos de cama, ata pulseiras, abanos ou ligas de noiva.
Teresa Torres empezou no oficio fará uns 17 anos e a día de hoxe segue indo ao curso que imparte a profesora Teresa Lozano en Portonovo todos os luns pola tarde. "Nunca terminas de aprender", segundo nos conta. Empezou porque lle gustaba o labor e para ela é "como un hobby", ao que lle dedica os tempos libres. Ao principio o importante é coller soltura cos dedos, e despois empezas co medio punto, o punto dobre e así van sumando cada vez máis dificultade.
A diferenza da calceta, sinala, "aquí non ves progresos inmediatos". É un proceso moi lento, e moitas veces a xente non ve todas as horas de traballo que hai detrás. Unha das cousas máis destacables deste labor é que non hai nós ata que se acaba e trabállase cos bolilos por pares. "Se cadra unha peza pode ter 12, 50 ou mesmo 100 bolillos", apunta. Actualmente está a traballar nunha liga de noiva, e leva desde xaneiro con ela e aínda non a acabou. Por iso é que resulta tan difícil poñerlle un prezo, "canto vas cobrar?", pregunta Teresa con cara de dúbida. Estas pezas non son para todos os petos "porque é artesanía, son pezas que non teñen que ver coas que se fabrican industrialmente."
Os oficios tradicionais, "afectados polo desinterese das novas xeracións" están ao bordo da extinción se non fóra polo labor de asociacións e encontros que como o que terá lugar este domingo en Portonovo axudan a promocionar "este descoñecido oficio". Mentres haxa xente á que lle guste, "non desaparecerá."