O voluntariado retira media tonelada especies exóticas invasoras e máis de 100 quilos de lixo mariño da illa de Sálvora

O Salnés
29 de setembro 2024

A deste sábado foi unha xornada de limpeza na illa de Sálvora na que traballaron a favor do medio ambiente unhas 75 persoas voluntarias

75 persoas voluntarias traballaron a favor do medio ambiente en Sálvora
75 persoas voluntarias traballaron a favor do medio ambiente en Sálvora / Afundación

A deste sábado foi unha xornada de limpeza na illa de Sálvora na que traballaron a favor do medio ambiente unhas 75 persoas voluntarias.

Por unha banda, un grupo ocupouse na retirada de lixos mariños nas praias de Almacén, Area dous Bois e Zafra, onde atoparon fundamentalmente obxectos relacionados cos cultivos mariños e da pesca, como os tarugos plásticos das bateas, pequenos anacos de sedelas, cabos e cabitos, nasas ou boias, por citar os máis abundantes. 

Xunto a eles retiraron tamén outros obxectos alleos aos traballos do mar, como envoltorios, botes, tapóns e botellas, bastoncillos plásticos dos oídos e de lambetadas, chisqueiros, etc. En total 114 quilos segundo reflectiu o total das pesadas efectuadas tras os traballos de clasificación de residuos cos que adoitan a finalizar este tipo de limpezas.

Mentres, en paralelo, e noutra zona da illa, diferentes grupos de voluntarios, pertencentes ao programa de voluntariado da Obra Social de Abanca, traballaron na retirada de falsa árnica (Helichrysum foetidum), unha especie exótica invasora da familia das compostas procedente do sur de África que ten unha gran capacidade de dispersión, e que é moi frecuente en zonas do litoral de Galicia; phytolacca americana, coñecida como herba carmín e que ten algunhas partes moi tóxicas tanto para o gando como para os humanos; e uña de gato (carpobrotus edulis), orixinaria de Sudáfrica, que ten unha gran capacidade enraizante, formando un tapiz sobre o substrato que altera as condicións do chan.

Pola tarde, as persoas voluntarias están a traballar tamén na retirada de Amaryllis belladonna, outra especie de orixe surafricana moi fácil de detectar neste mes de setembro, cando mostra as súas espectaculares flores de cores, sobre a que xa se actuou no marco do programa ‘Plancton’ hai dous anos na illa de Sálvora.

En total conseguiron retirar máis de 500 quilos de flora exótica nunha actuación desenvolvida en colaboración co Parque Nacional, dentro do proxecto europeo Life Insular. Esta iniciativa busca promover un adecuado estado de conservación dos diferentes hábitats das illas pertencentes á Rede Natura 2000 situadas no Océano Atlántico, á vez que procura aumentar a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático.

Tras a xornada deste sábado no marco de ‘Plancton’ retiráronse xa máis de 80 toneladas de lixo mariño de diferentes enclaves da costa de Galicia, tanto das praias como dos fondos marisqueiros, e máis de 11 toneladas de flora exótica invasora. 

Estas actuacións, ademais dos propios efectos paliativos e beneficiosos para o medio, buscan trasladar á sociedade, implicándoa directamente, a importancia de ter condutas responsables no día a día que permitan manter os recursos sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras.