Os voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro tomaron este xoves a cidade de Pontevedra para celebrar a súa tradicional xornada de Cuestación, un evento anual que organizan a asociación a nivel nacional cada segundo xoves do mes de maio co obxectivo de recadar fondos que se destinan principalmente á investigación contra as distintas variedades desta enfermidade.
"Este ano traballamos co lema todos contra o cancro. O obxectivo é alcanzar o 70 % de supervivencia antes do 2030 e para iso temos que investir en investigación contra o cancro", explica a coordinadora de voluntariado da AECC en Pontevedra, Nara García.
Con este obxectivo teñen despregadas durante todo o día por toda a Boa Vila 23 mesas petitorias, nas que solicitarán aos cidadáns un donativo para loitar contra unha enfermidade que afecta en España ao 50 % da poboación masculina e a unha de cada tres mulleres.
A intención da asociación con esta iniciativa é "fomentar a investigación en todos os cancros, pero especialmente nos que teñen unha menor incidencia e cuxa taxa de supervivencia non chega ao 30 %, é o caso dos cancros de larinxe, colon, páncreas ou esófago, que están estancados", explica a coordinadora.
Outra parte da recadación destínase tamén a custear os servizos que a AECC pon ao dispor de forma gratuíta a todos os pacientes de cancro e tamén á súa contorna familiar máis directo. "Os servizos da AECC son gratuítos, non se fai copagamento e nin sequera é necesario ser socio", detalla García.
Coñecedor do importante labor que realiza a Asociación Española Contra o Cancro é Jose Luís Candendo, un pontevedrés de 77 anos que é "voluntario, paciente e socio".
Por desgraza, o cancro está moi presente na súa contorna. "O meu primeiro contacto coa AECC foi por dous casos que tiven na familia, que faleceron con cancro moi novos", lembra apenado. Xa no 2016, foi a el mesmo ao que lle detectaron un cancro de próstata do que se curou, pero só un ano máis tarde a enfermidade contraatacou. Diagnosticáronlle cancro de páncreas, contra o que segue loitando coa axuda da medicina e o apoio da asociación.
Foi nese momento cando se alistou como voluntario e desde entón "colaboro con eles en todo o que poida", confesa.
A cidadanía é consciente do traballo que realiza a AECC, pero Candendo bota en falta unha maior implicación. "Sei que hai un coñecemento da Asociacion, pero a xente pasa un pouco. Se me toca si, pero senón está ahi", lamenta.
Colaborar nesta campaña salva vidas porque a investigación é fundamental para combater esta enfermidade. "O meu cancro hai 40 anos sería mortal", asume o paciente, que destaca tamén a importancia da prevención, sobre todo nos cribados de cancro de mama e colon aos que se somete toda a poboación ao alcanzar unha determinada idade.