Entre o 22 de decembro e este domingo 27, as Forzas de Seguridade realizaron na provincia de Pontevedra 1.740 dispositivos de control e vixilancia, nos que se formularon 339 propostas de sancións.
A Garda Civil e a Policía Nacional realizaron na provincia de Pontevedra un total de 1.706 dispositivos, nos que se controlaron case 6.000 persoas e 2.853 vehículos. Como resultado dos mesmos, interpuxéronse 331 propostas de sancións, unha cifra que representa pouco máis do 5 % do global.
No mesmo período, a Policía Autonómica levou a cabo 34 dispositivos de vixilancia, nos que se controlaron a 121 persoas e 29 vehículos e se elevaron 8 propostas de sanción.
Os datos deunos a coñecer este luns a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, despois de presidir a reunión do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) da provincia, que se reuniu para garantir a cogobernabilidade, a coordinación e o intercambio de datos e información entre o goberno autonómico e central.
A reunión serviu para facer balance da actuación das Forzas e Corpos de Seguridade estatais e autonómicos desde o momento en que entraron en vigor as novas medidas o pasado 22 de decembro.
A subdelegada do Goberno agradeceu ás Forzas e Corpos de Seguridade o traballo realizado estes días e aos veciños de Pontevedra a súa responsabilidade, xa que "a baixa cifra de sancións interpostas evidencia o alto grao de cumprimento das restricións".
Ademais, Larriba fixo un chamamento á cidadanía para que continúe cumprindo coas medidas vixentes, xa que "o virus non entende de festividades nin de celebracións e as cifras de contaxio na provincia continúan a ser preocupantes".
Á reunión asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, o inspector xefe accidental da Policía Autonómica, Pablo Diz, e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.