O vindeiro Pleno abordará unha modificación orzamentaria para adquirir os terreos do futuro centro de saúde de Poio

Poio
17 de marzo 2022

No vindeiro Pleno ordinario aprobarase unha modificación orzamentaria que inclúe a dotación de 300.000 euros para esta actuación

Xulio Barreiro e Luciano Sobral
Xulio Barreiro e Luciano Sobral / PontevedraViva (ARQUIVO)

O Goberno local de Poio levará ao pleno ordinario de marzo, que terá lugar o vindeiro martes día 29, unha modificación orzamentaria que permitirá impulsar diferentes actuacións, entre elas figura a adquisición dos terreos para a construción do futuro centro de saúde. 

O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, informou que o investimento previsto é de 300.000 euros, que se financian a cargo do Remanente de Tesourería, un saldo positivo resultante da liquidación do Orzamento de 2021, e cuxa contía total ascende a máis de 2,6 millóns de euros.

Unha vez reciba a aprobación da Corporación, o Goberno municipal xa estará en disposición de iniciar o proceso de licitación pertinente. En canto se complete esta tramitación, os terreos serán cedidos á Consellería de Sanidade para que acometa a construción do novo centro de saúde.

O Goberno local de Poio considera "imprescindible" este equipamento para que a veciñanza poida gozar "do servizo sanitario que merece" e que actualmente é "moi deficitario". Segundo sinalan "a falta de recursos materiais e de persoal que padecen desde hai anos os centros sanitarios de Anafáns e Combarro, ademais do consultorio de Raxó, levan moito tempo provocando listas de agarda interminables e unha gran saturación".