O Villa de Pitanxo navegaba escorado entre ondas de dez metros e coa arte de pesca largada cando comezou a afundir

Marín
23 de febreiro 2023

Así o reflicte o informe que publicou este xoves a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) que, nesta cuestión, contradi a versión do patrón, Juan Padín, que defendía que se produciu un fallo repentino no motor

Villa de Pitanxo
Villa de Pitanxo

Ás 4:19 horas daquel fatídico 15 de febreiro de 2022 o patrón do Villa de Pitanxo emitiu unha chamada de socorro. O barco estaba escorado a babor, sen poder recuperar a estabilidade. Pero, aínda nesa situación, o motor non estaba parado e o buque seguía navegando. 

Así o reflicte o informe que publicou este xoves a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) que, nesta cuestión, contradi a versión do patrón, Juan Padín, que defendía que se produciu un fallo repentino no motor.

O sistema de identificación automática do barco, catro minutos despois dese sinal socorro, acredita que o Villa de Pitanxo aínda navegaba a unha velocidade de 2,6 nós.

A investigación técnica sostén que, minutos antes do naufraxio, o barco tiña a arte de pesca largada por popa. Contiña aínda as capturas das últimas horas de arrastre, exercendo co seu peso un "forte tiro" que limitaba os movementos do pesqueiro.

Por causas que, segundo a comisión, "aínda se están analizando" o Villa de Pitanxo quedou sen capacidade de manobra, no medio dun temporal con ventos de ata 40 nós e ondas que, na súa maior altura, superaban mesmo os dez metros.

A mercé do vento, a ondada, as correntes e o tiro da arte, o buque escorou a babor e a auga entraba "constantemente" pola rampla de popa, chegando algunhas das ondas para pasar por encima do seu costado e asolagar a cuberta superior.

A escora foi aumentando "lenta e progresivamente", debido a que non había apenas tempo para que puidese saír a auga acumulada no barco.

Foi así ata que "nun determinado momento faise evidente que a situación é irrecuperable e é perentorio abandonar o buque", apunta a CIAIM no seu informe, polo que a maioría dos tripulantes, que estaban na cuberta superior, dirixíronse ás balsas.

Ningún deles levaba posto traxe de supervivencia, a excepción do capitán e o seu sobriño, que embarcaron nunha das balsas xunto con outros cinco compañeiros. Moitos outros quedaron "probablemente" nos espazos interiores ou na cuberta do barco.

O buque afundiu en "poucos minutos", certifican os técnicos nunhas augas que estaban a tan só dous graos. Os tripulantes que chegaron á balsa "non puideron manterse secos" ao desgarrarse no fondo e entrar auga na embarcación salvavidas.

Os sete mariñeiros que ían a bordo permaneceron na balsa durante máis de cinco horas, ata que o Praia de Menduíña Dous chegou ata a súa posición e rescatounos. Catro deles morreron por hipotermia mentres esperaban o rescate.

O informe certifica ademais outras irregularidades, entre elas que o Villa de Pitanxo partiu do porto de Vigo con 25 persoas a bordo, 24 tripulantes e un biólogo mariño embarcado en calidade de observador científico para facer un control pesqueiro e das capturas.

Pero o barco, segundo os seus certificados estatutarios, só podía levar a 22 persoas como máximo, é dicir, tres menos das que saíron de Galicia rumbo a Terranova (Canadá).

Un deles, con todo, abandonou o buque dez días antes do naufraxio. Foi transferido a outro barco de pesca de bandeira española, o Río Caxil; un dos barcos que tras o naufraxio participou nas tarefas de procura dos desaparecidos.

INFORME PREMILINAR

Este informe da CIAIM é aínda preliminar e non recolle, por tanto, ningunha conclusión sobre as causas do naufraxio. A este respecto, lembran que aínda está pendente a baixada ao pecio afundido, que se realizará ao longo do próximo verán.

Con esta inspección buscarase obter "información relevante" achega do buque, os seus equipos, a arte de pesca e o fondo mariño, datos que segundo a comisión "permita apoiar ou refutar distintas hipóteses das causas do accidente".

A esta investigación incorporaranse os resultados dos ensaios que se realizaron cun modelo do buque a escala, que recreou nun laboratorio de dinámica mariña de Madrid as condicións no momento do accidente para estudar o comportamento do barco.

Os traballos pendentes fan que os expertos consideren que "non parece probable" que a investigación poida finalizar ao longo do ano 2023 porque, tras esta revisión submarina do barco, haberá que realizar unha análise "pormenorizada" das evidencias que se obteñan.