O Villa de Pitanxo afundiu tras unha "repentina parada do motor" durante a manobra de virada

Marín
21 de febreiro 2022

A armadora comunica que esa repentina parada do motor principal "deixou o barco sen propulsión nin goberno" e "exposto ao vento e as ondas", sufrindo golpes de mar que o escoraron e afundiron "de forma moi rápida"

Barco Villa de Pitanxo
Barco Villa de Pitanxo

Detrás do naufraxio do Villa de Pitanxo houbo unha concatenación de circunstancias fatais. Os fortes ventos e ondas de varios metros rexistrados na madrugada do martes 15 de febreiro en Terranova foron cruciais, pero tamén un fallo mecánico.

En concreto, unha "repentina parada do motor principal durante a manobra de virada do aparello que deixou o buque a mercé do forte temporal.

Así o deu a coñecer este luns a armadora do buque, Pesquerías Nores, a través dun comunicado tras manter a primeira reunión con todas as familias dos tripulantes falecidos e desaparecidos na sede da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra. 

A armadora explicoulles tamén os detalles que saben do accidente segundo trasladou á empresa o patrón do buque, Juan Padín, tras chegar a terra en Canadá unha vez rescatado.

Segundo os detalles que lles trasladou o patrón, esa repentina parada do motor principal "deixou o barco sen propulsión nin goberno" e "exposto ao vento e as ondas", sufrindo "golpes de mar que o  escoraron e afundiron de forma moi rápida".

A empresa armadora explicou ás familias todas as circunstancias das repatriacións e, ademais, mostroulles o seu "apoio e total disposición" para impulsar, como xa se veu facendo, "que as tarefas de rastrexo se renoven canto antes" e para pescudar as posibles causas do tráxico accidente. 

Esta é a primeira vez que a armadora se pronuncia publicamente sobre a continuación das tarefas de procura en augas de Terranova.

Súmase, desta forma, á petición que realizan as familias desde que o mércores, tres 36 horas de rastrexo, Canadá decidiu interromper o operativo de rescate. Trátase dun compromiso adquirido coas familias.