Estímase no medio millón as obras de arte que foron confiscadas e saqueadas polos alemáns en Polonia dentro do Reich entre 1933 e 1945.
Son bens que non foron devoltos aos seus lexítimos propietarios e que aínda poden ser identificables, que se supoñen diseminados por todo o mundo en coleccións públicas e privadas.
Adolf Hitler víase a si mesmo como un mecenas e amante da arte; os seus seguidores imitárono. Once dos máis altos líderes nazis fixéronse con numerosas e valiosas obras de arte. O motivo era acumular unha colección de tamaño insuperable que "levaría ao pobo alemán á gloria". A nivel privado tratábase simplemente de enriquecemento persoal.
Marious Wisniewski é o xefe especialista no Departamento para a Restitución de Bens Culturais do Ministerio de Cultura de Polonia, unha institución estatal que se ocupa da arte saqueado e a súa recuperación.
Marious está a acompañar á delegación da Deputación de Pontevedra que visita estes días Polonia para asistir ao acto de devolución o cadro da 'Dolorosa' e do 'Ecce Homo' do pintor flamenco Dierik Bouts, que tiña na súa colección o Museo de Pontevedra.
Segundo explicou Marious Wisniewski, no seu departamento levan a cabo unha "acción planificada" na que, desde 2019, utilizan programas informáticos de procura de imaxes que están dispoñibles no mercado. Nese rastrexo localizáronse centos de fotografías coincidentes cos cadros de Bouts aínda que "a maioría eran réplicas que estaban en museos de Londres, Viena ou Barcelona".
Nunha primeira criba repararon nun post publicado en Facebook polo Museo de Pontevedra cunha pequena foto do cadro da Dolorosa que logo cotexaron coa información dispoñible na propia páxina web da institución museística "e tirando do fío chegouse ao nobelo".
A "emoción" no departamento polaco ía en aumento a medida que avanzaban na investigación. Logo contactaron cos responsables do Museo de Pontevedra que lles remiten unha fotografía con máis detalle na que se podía ver que "tiña un adorno dourado sobre o dobladillo do manto da Virxe" un elemento identificativo único que non saían noutras copias.
Ademais na foto saía o marco do cadro de ambas as táboas que é de tipo "casseta italiano" coa entrecalle decorada con cartelas sostidas por anxiños, axeonllados na parte superior e inferior, e en pé nas laterais. Dentro desas cartelas figuran parte os versos do Stabat Mater tomado do Aleluia gregoriano do século XIII. Ademais conteñen un erro na lenda que o fai aínda máis característico. "Aí chegou o momento do eureka" ao poder confirmar plenamente que se trataba da obra expoliada polos nazis. "Foi un momento de moita satisfacción. Unha subida de dopamina", comenta Marius.
Xunto a el traballan outras trece persoas no Departamento para a Restitución de Bens Culturais do ministerio polaco. Seguen uns cen novos rastros cada día e aínda que "somos capaces de determinar que a obra existe non sempre podemos concretar a súa localización".
O díptico da ‘Dolorosa’ e do ‘Ecce Homo’ foi a única obra de arte expoliado polos nazis que se atopou en España "este é un caso excepcional". Marius sorrí mentras comenta a outra gran singularidade deste caso, a devolución da obra por parte da Deputación de Pontevedra "estamos moi contentos co trato, foi moita alegría, moi satisfeitos coa colaboración coa Deputación e o Museo".
A restitución da arte expoliado non é habitual pero Marius asegura que no seu departamento "non imos darnos por vencidos ata que non o consigamos. Hai que devolver as obras obtidas de maneira ilegal"
PontevedraViva tivo a oportunidade de entrevistar o vicepresidente polaco e ministro de Cultura, Piort Glinski, que explicou que o seu país ten en marcha outros 150 procesos de recuperación de obras de arte en 15 países.
Piotr Glinski, lembrou que Polonia "perdeu máis de 500.000 obras e obxectos artísticos" nos saqueos desencadeados durante a Guerra, que ata o 70 % dos libros das bibliotecas polacas foi "roubado ou destruído" e que en total extraviáronse bens culturais por valor duns 10.000 millóns de euros.
O vicepresidente polaco asegura que o díptico do Museo de Pontevedra é a única obra espoliada polos nazis que devolveu España.
Ademáis destacou a profesionalidade mostrada en todo momento polas autoridades españolas e expresou o seu desexo de que os futuros procesos de restitución con outros países implicados "leven a cabo do mesmo xeito, o que ata o de agora non está a ser o caso".
"Hoxe estamos moi satisfeitos e felices de poder presenciar a finalización dun dos procesos de restitución máis importantes dos últimos tempos", concluíu o viceprimeiro ministro.