O 'verde' avanza na área sanitaria con oito municipios sen novos casos na última semana

Pontevedra
06 de marzo 2021

Oito municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés non rexistran novos casos de covid-19 desde hai, como mínimo, unha semana. Son A Illa de Arousa, A Lama, Barro, Caldas, Campo Lameiro, Forcarei, O Grove e Portas, segundo os datos do Servizo Galego de Saúde

Xente paseando con máscaras en Pontevedra
Xente paseando con máscaras en Pontevedra / Cristina Saiz

Oito municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés non rexistran novos casos de covid-19 desde hai, como mínimo, unha semana. Son A Illa de Arousa, A Lama, Barro, Caldas, Campo Lameiro, Forcarei, O Grove e Portas, segundo os datos do Servizo Galego de Saúde.

Ata cinco deles teñen xa unha incidencia acumulada a 14 días de menos de 50 casos por cada 100.000 habitantes: A Illa de Arousa (1 único caso activo, igual que onte), Caldas de Reis, Forcarei, O Grove e Portas (sen casos activos).

A eles súmase tamén Bueu, que rexistra 7 casos activos. Son tres menos que onte.

No seguinte banzo, cunha incidencia de 117, atópase a cidade de Pontevedra. Nela hai, segundo informou o goberno municipal, 122 contaxiados (13 menos).

Entre 50 e 150 sitúanse tamén Barro (3 casos, -1), Campo Lameiro (0 casos, -2), Cerdedo-Cotobade (7 casos, -1), Cuntis (5 casos, -1), Meaño (5 casos, -1), Meis (6 casos, -2), Moraña, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa (49 casos, -5).

Poio, que rexistra un leve aumento de casos (37, +1), tamén está nesta pinza.

Pola súa banda, A Lama (5 casos, sen cambios), Cambados (35 casos, -1), Catoira, Marín (53 casos, -5) e Sanxenxo (30 casos, -5) oscilan entre unha incidencia a 14 días de entre 150 e 250, como reflicten as estatísticas de Sanidade.

A situación máis complicada, nestes momentos, segue estando en Ponte Caldelas (18 casos, -1), Soutomaior (33 casos, -2) e Vilanova de Arousa (35 casos, -2), aínda por encima dos 250 de incidencia acumulada.

A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pode consultarse no mapa que acompaña a esta información.