A alerta sanitaria do coronavirus non desluciu o verán do porto deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo. Estas instalacións xestionadas por Nauta Sanxenxo mantiveron durante o pasado mes de xullo unha ocupación media do 90% das prazas de aluguer.
O servizo consolidouse no que vai de agosto coa reserva das 25 prazas de amarre en aluguer dispoñibles e cunha estancia media de 20 días por embarcación.
En xullo si se detectou unha baixada do tráfico internacional, que fixo que os datos de tránsito, unha estancia menor a 15 días, sexan un 21,74% inferior respecto ao mesmo período de 2019.
Un total de 126 embarcacións (93 españolas e 33 estranxeiras) recalaron no porto deportivo Juan Carlos I o pasado mes. Francia, Portugal e Alemaña seguen sendo as bandeiras que máis se repiten nos pantaláns nos que tamén se poden ver británicas, neerlandesas, suecas, suízas ou belgas.
A maioría das embarcacións que chegaron en xullo son a motor, un total de 67, fronte ás 59 de vela. Os datos de rexistro revelan tamén un repunte nos barcos de máis de 11 metros de eslora, un tamaño maior que o que habitualmente atracaba no Juan Carlos I.
Segundo a información facilitada polo Concello de Sanxenxo, o arrendamento dos amarres permitiu a Nauta Sanxenxo incrementar a facturación un 37% nos primeiros sete meses do ano respecto a 2019, ao pasar de 40.550 a 64.249 euros en 2020.
A facturación do tránsito durante os sete primeiros meses ascende a 10.440 euros, unha cifra lixeiramente inferior á rexistrada no mesmo período de 2019, 13.809 euros.
Nauta Sanxenxo activou un protocolo con medidas anti Covid-19 para garantir a seguridade nas instalacións do porto deportivo coa limpeza e desinfección cada dúas horas de todos os espazos comúns. O uso da máscara é obrigatorio desde o inicio do estado de alarma en todo o porto excepto na embarcación. O Concello destaca que estas medidas se converteron nun atractivo máis para os que elixen o porto para recalar e gozar de todos os servizos dispoñibles entre os que se atopa ademais de reposición e reparación, lavandería, aseos e duchas.