O Espazo Concilia regresou fiel á súa cita co verán en Barro. O Concello puxo en marcha un ano máis este proxecto pensado para axudar ás familias que teñen dificultades para conciliar nos meses das vacacións escolares.
Segundo a información facilitada polo Concello, este 2024 volveuse superar o récord de inscricións, chegando ás 200 prazas.
Ademais, sinalan que o Concello fixo o esforzo para acoller todas as inscricións e evitar así que ningún neno ou nena de Barro quedara sen praza.
O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destaca a "gran acollida" que ten esta actividade e que ano tras ano "vai aumentando o número de cativas e cativos que participan".
As actividades desenvólvense polas mañás no Pazo da Crega e nos xardíns que rodean. Ademais, cando o tempo o permite, realizan xornadas na piscina municipal, que abre expresamente para esta actividade.