O vento do norte que sopra con intensidade este mércores está a complicar os labores de extinción de varios incendios forestais na comarca de Pontevedra.
En Cotobade o lume iniciouse ás 22:44 horas en Vilanova, na parroquia de Tenorio, saltando ao municipio de Pontevedra pola parroquia de Bora. A Xunta deuno por controlado ás 13:08 horas. Nos labores de extinción participaron 1 helicóptero, 5 avións, 3 axentes, 9 brigadas e 5 motobombas. A superficie queimada sitúase en 2,5 hectáreas segundo a Consellería de Medio Rural. O lume produciu ademais un corte no fluído eléctrico nalgunhas zonas da parroquia pontevedresa.
En canto ao incendio Meis, informa dende a Consellería de Medio Rural que ás 12:30 da mañá segue activo. A orixe do lume localízase en Armenteira estendéndose á parroquia de Xil no municipio veciño de Meaño. Non hai estimación de hectáreas, pero os brigadistas que actúan na zona calculan que o lume afectou a unhas tres hectáreas. Están a traballar na extinción do lume: 2 axentes, 4 brigadas, 5 motobombas e unha pa.