O vello refuxio de pescadores de Carballedo xa é un albergue para peregrinos

Cerdedo-Cotobade
24 de novembro 2023

O Concello de Cerdedo-Cotobade confirma o fin das obras de transformación do vello refuxio de pescadores de Carballedo nun albergue para os peregrinos que estean percorrendo a Vía Mariana ou o Camiño de Taverneiro. A rehabilitación tamén supuxo o acondicionamento da zona e a instalación nas inmediacións dun parque biosaudable 

Albergue para peregrinos no vello refuxio de pescadores de Carballedo
Albergue para peregrinos no vello refuxio de pescadores de Carballedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade confirma o fin das obras de transformación do vello refuxio de pescadores de Carballedo nun albergue para os peregrinos que estean percorrendo a Vía Mariana ou o Camiño de Taverneiro.

A rehabilitación tamén supuxo o acondicionamento da zona e a instalación nas inmediacións dun parque biosaudable para que aquelas persoas que o desexen poidan facer exercicio.

Os traballos foron executados pola empresa local Construcciones Pablo Moreira quen resultou adxudicatario do concurso para realizar as obras xa que poi o único que achegou ofertas cun prezo próximo aos 70.000 euros. 

O obxecto desta actuación centrouse na creación dun albergue para 8 peregrinos da Vía Mariana e do Camiño de Taverneiro no local municipal existente na área recreativa xunto á praia fluvial da Chan de Carballedo, e que fora concibido como un refuxio de pescadores, co fin de favorecer a revitalización desta ruta do interior da provincia de Pontevedra e axudar a seguir dinamizando economicamente o municipio a través do turismo.

O alcalde, Jorge Cubela, agradeceu á empresa o cumprimento dos prazos de execución e a calidade do traballo realizado e lembrou que a promoción do turismo local será un dos eixos fundamentais da acción de goberno dos vindeiros anos para potenciar e dinamizar a actividade económica no termo municipal.

Cubela insistiu na intención de converter Cerdedo-Cotobade no municipio da contorna máis dinámico desde o punto de vista da promoción turística.