As cámaras de vixilancia instaladas no mercado municipal de Pontevedra captaron na madrugada do luns ao martes ao vándalo que causou as desfeitas na decoración de Nadal instalado o día anterior.
Na mañá do martes, a burbulla situada no exterior, na rúa Serra, a modo de photocall do Nadal apareceu danada cun racho e, tras visualizar as cámaras de vixilancia, púidose saber que o acto vandálico produciuse entre as 4.05 e as 4.10 horas da madrugada.
Nas cámaras distínguese a un grupo de catro persoas achegándose á bóla de cristal, dos que dous pasan de longo, un queda mirando e o cuarto é o autor material das desfeitas.
As cámaras que recollen estas imaxes son as do propio mercado e tamén as da xoiería situada no baixo.
Estas imaxes xa foron remitidas á Policía Local para que investigue o ocorrido. Fontes oficiais da Policía Local confirmaron que nas imaxes non se distingue ao autor material dos actos vandálicos. Así, a súa cara non se ve con claridade e resulta imposible identificar ao responsable.
A Policía Local continúa investigando os feitos e tratando de localizar ao autor. Agora vanse a solicitar máis imaxes doutras cámaras de vixilancia, entre elas, as do Museo de Pontevedra.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, confirmou que a empresa responsable ten previsto arranxar os danos durante a tarde deste mércores.
Ademais, avanzou que, ademais de manter as cámaras de vixilancia que captaron ao vándalo deste episodio, a partir de agora, tentarase "estar máis atentos" e solicitarán á Policía Local que "faga visitas de cando en vez" e ao responsable de seguridade do Gastromercado que "estea pendente tamén".
Na tarde deste mércores quedaba xa arranxada a esfera coa súa correspondente iluminación coa intención de que todas aquelas persoas que queiran achegarse pola contorna do Mercado de Abastos poidan realizar un photocall con esta burbulla de Nadal.