O Valedor dá a razón ao PP na denuncia polas irregularidades no contrato de mantemento de xardíns

Pontevedra
08 de outubro 2014
Actualizado: 15:56

Recomenda ao Concello que "coa maior dilixencia posible" debe tramitar e adxudicar un novo contrato de servizo axustando as condicións á lexislación, tras dúas prórrogas irregulares. Desde o goberno municipal, Raimundo González recordou que o Concello de Pontevedra xa está a tramitar o prego de condicións do novo contrato

Operario do servizo e mantemento de xardíns de Pontevedra
Operario do servizo e mantemento de xardíns de Pontevedra

O Valedor do Pobo ven de dar a razón ao Partido Popular na denuncia que presentou sobre as irregularidades administrativas detectadas na prórroga dos contratos á empresa concesionaria do servizo de mantemento e conservación de xardíns e arbolado viario de Pontevedra, Elsamex.

Nunha resolución asinada o 29 de setembro, o Valedor da un prazo dun mes ao goberno local para remitirlles unha resposta ás súas resolucións. En concreto, recoméndalle que "coa maior dilixencia posible" debe tramitar e adxudicar un novo contrato de servizo para o mantemento e conservación de xardíns, , axustándoo ao marco da lexislación vixente en materia de contratación.

O Valedor lémbralle ao Concello que a Xunta de Goberno aprobou as dúas últimas prórrogas de continuidade do contrato para a prestación deste servizo en acordos de 30 de xaneiro de 2012 e 29 de febreiro de 2013 nos que non se tivo en conta o establecido en dous artigos da Lei de Contratos do sector público. O contrato inicial con Elsamex, asinado en 2006, era por catro anos prorrogables ata un máximo de seis. Polo tanto, recorda, venceu en 2012 e xa se renovou dúas veces máis. 

O portavoz local do PP, Jacobo Moreira, presentou no mes de xuño ante o Valedor do Pobo un escrito, que foi admitido a trámite, co obxectivo de que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "dese dunha vez por todas explicacións minimamente lóxicas ante a prórroga contractual concedida de xeito irregular a esta empresa".

O Valedor recorda que entre as funcións dos concelleiros están a "transparencia, a información e a participación"

Segundo indicou a través dun comunicado, Moreira adoptou esta decisión ante a pasividade mostrada polo goberno local, despois de que se lle preguntase en varios plenos ao alcalde por este asunto e de que o propio Moreira lle remitira unha carta. En ningún dos casos Lores contestou e limitouse a dicir que "os xardíns estaban en bo estado".

O Valedor recorda que entre as funcións dos concelleiros están a "transparencia, a información e a participación, con unha finalidade xenérica, dereito a saber, dereito a controlar e dereito de ser actor e non espectador da vida administrativa local".

Dende o Partido Popular esperan que agora, con este escrito do Valedor do Pobo, o goberno local ofreza dunha vez por todas as explicacións que se lle reclaman e emende a situación, porque noutro caso "valoraremos a conveniencia de adoptar outras vías que nos poidan quedar para lograr que o alcalde explique e corrixa esta irregularidade", recorda Jacobo Moreira.

RESPOSTA DO GOBERNO MUNICIPAL

Desde o goberno municipal, Raimundo González recordou que o Concello de Pontevedra xa está a tramitar o prego de condicións do novo contrato. "Se vai a sacar un novo concurso", explicou aos xornalistas. Pero recoñeceu que os trámites os están a atrasar o máximo posible "porque é substancialmente máis caro un novo contrato que o actual", de aí que asegure que "por iso estivemos forzando esta situación".

En todo caso, o concelleiro de Facenda non quixo entrar a valorar o ditame do Valedor do Pobo, porque afirmou descoñecelo. "Non teño a carta e en todo caso se chegou se analizará e unha vez que se analice darase unha opinión sobre esto". Sinalou que todos requirimentos deste organismo son contestados polos técnicos municipais e este non será unha excepción. "Todo o que precise e o pida, se lle enviará", concluíu.

Arquivado en