O 'vacinódromo' adáptase ao público infantil: sanitarios vestidos para a ocasión e debuxos animados e agasallos para os menores

Pontevedra
15 de decembro 2021

Cumpriuse un novo fito na historia da vacinación contra a covid-19 en Pontevedra. Alberto, Nerea, Pablo ou Lucía foron dos primeiros menores de 11 anos en vacinarse e coincidiron en que non lles doeu. Déronlles unha pulseira e máscaras de agasallo e, mentres agardaban 15 minutos xa coa súa dose, puideron entreterse con debuxos de Clan

Cola para a vacinación de menores de 11 anos
Cola para a vacinación de menores de 11 anos / Mónica Patxot

Ás 15.34 horas da tarde deste mércores cumpriuse un novo fito na historia da vacinación contra a covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Empezaron a acceder ao edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo os primeiros menores de 11 ou menos anos para o inicio da vacinación nesta idade infantil. Alberto, Nerea, Pablo ou Lucía foron algúns dos primeiros en recibir a súa dose e falaron coa prensa coincidindo na súa mensaxe: non lles doeu, todo foi ben e "la atención fue de 10". 

Os primeiros minutos desde a apertura da porta do 'vacinódromo' foron un pouco caóticos polo nerviosismo de familias e menores, a petición de código QR e o consentimento informado e o feito de que coincidiron na cola menores e adultos que acudían para recibir as súas doses. Pero en cuestión de minutos todo quedou solucionado e foron avanzando a moi bo ritmo. 

No interior do recinto, segundo fontes oficiais do Sergas, había 13 puntos de vacinación e 2.000 impresos para aquelas familias que non levaran o seu consentimento informado. Se hai un punto no que coincidiron todos os novos vacinados deste mércores foi en que neses 13 puntos os profesionais sanitarios recibiron aos menores cun amplo sorriso e "como si les hiciesen una fiesta". 

Pablo e Lucía Lodeiro Cochón, xemelgos veciños de Pontevedra, foron dos primeiros en recibir a súa dose e saíron encantados. A súa nai, Sofía Cochón, foi unha das que agradeceu con maior emoción o comportamento "de diez" dos profesionais sanitarios e, en xeral, o ben organizado que está o proceso, "dentro funciona bien y rápido", asegurou. 

Lucía, de 11 anos, amosou orgullosa un dos agasallos que recibiron todos os menores nesta primeira xornada, unha pulseira co lema 'Eu vacínome', que no seu caso se suma a moitas máis pulseiras que adoita usar. 

Ademais, cada menor levou para a súa casa un paquete de máscaras infantís e Lucía destacou que todo está decorado cunha árbore de Nadal e con todos os profesionais coa vestimenta decorada con debuxos. 

Aínda que Lucía e Pablo recoñeceron que chegaban un pouco "nerviosos", máis o irmán que a irmá, ao remate do proceso coincidiron en que fora "genial". Fora agardábaos a súa avoa, María del Carmen Fernández, máis emocionada ca eles, para darlles unha aperta moi grande.

O 'vacinódromo' de Campolongo adaptouse para este novo fito da vacinación contra a covid-19 e, unha vez que os menores recibiron a súa dose, pasaron ao salón de actos do edificio, onde os agardaba "unha pantalla xigante con debuxos", que proxectou diversa programación infantil da canle Clan Televisión.

Contouno moi contento Alberto Vaamonde Couto, de Forcarei, un dos primeiros nenos en recibir a dose. Segundo este rapaz, acompañado pola súa nai, a vacina "non" doeu nada e aínda que el "tiña medo", pasóuselle rápido porque "foi ben, moi rápido". A súa recomendación é que todos os menores se vacinen, como xa o fixeron tamén os pais deste rapaz e a súa irmá de 19 anos.

Para facer a experiencia máis levadía, ademais, "todos ían vestidos con muñecos, tiñan a bata con debuxos" e, na zona na que tiveron que esperar 15 minutos ante unha hipotética reacción da vacina, non só podía ver debuxos, senón que había auga e zumes ante unha posible necesidade. 

En xeral, a experiencia foi "genial". Nerea Rodríguez Baños, de 11 anos como o resto dos vacinados este mércores, confirmouno. "No sentí nada. No dolió". Xa o sabía polo resto da familia e polo seu irmán maior, de 14 anos e xa vacinado, pero este mércores puido comprobalo e, no seu caso, mentres unha pantalla xigante proxectaba a serie de Clan Henry Danger.

Nesta fase de vacinación en nenos de idades comprendidas 5 e 11 anos está previsto vacinar nos primeiros días a menores de 11, 10 e 9. Serán, de media, 1.345 doses en Pontevedra e 465 no Hospital do Salnés.