Público e xurado profesional, polo menos por esta vez, estiveron de acordo. O 'vacalao' de El Cafetín, na categoría de tapa creativa, e os canelones de xarrete de vaca galega do restaurante Gumer, como receita tradicional, son os mellores petiscos de Pontedetapas 2022.
A proposta gastronómica do chef Rubén González Vallejo, ao ser a máis votada entre os comensais populares, será a que represente a Pontevedra no certame De Tapas por Galicia, no que competirán os gañadores das sete grandes cidades galegas.
Estes dous establecementos non foron os únicos con premio neste concurso que, tras dous anos de ausencia pola pandemia, regresou á cidade coa participación de 25 locais.
Así, o xurado profesional concedeu o segundo premio de Pontedetapas 2022 ao Trasmallos entre Neboeiro de Loaira Xantar (tapa creativa) e ao Novembro Salgado de Cafetería Sonata (tapa tradicional), segundo recolle a deliberación dos seus membros.
As Ínfulas e Pataca ao Medio Polo de Soulbeer (tradicional) obtiveron o terceiro premio deste xurado, mentres que o Porrogreen de Padal da Santiña e a 'Ovella que bala...' de Bocarte compartiron esta medalla de bronce entre as tapas creativas.
Loaira Xantar foi tamén a segunda opción entre o público, quen premiou o bocadito 'crujiente' de lagostino de Cre-Cottê (tradicional). O terceiro premio foi para Viva México... Gambones de Tábula Rasa (creativa) e o brioche de carrilleira de La Gramola (tradicional).
O acto de entrega dos premios de Pontedetapas 2022 celebrouse no gastromercado da praza de abastos, presidido polos edís Yoya Blanco e Iván Puentes, así como por Daniel Lorenzo, Rafael Rúa e Antonio Fernández, representantes da asociación de hostaleiros.
Na súa intervención, a concelleira de Promoción Económica destacou o "tremendo nivel e dificultade" da elaboración das tapas presentadas a este certame.
Pontedetapas 2022 trouxo ademais consigo unha novidade: a estrea dun novo sistema de votación dixital do público no que as puntuacións de cada petisco puideron realizarse a través dun código QR personalizado dispoñible en cada local.