O uso do Punto Limpo Móbil de Poio incrementouse en máis dun 36% desde a súa reapertura

Poio
26 de xuño 2020

O Concello lembra que este servizo permanecerá operativo e mantendo o seu calendario itinerante por todas as parroquias ata que estea habilitado o punto limpo municipal, en cuxa posta a punto se segue a traballar

Punto Limpo Móbil en Raxó
Punto Limpo Móbil en Raxó / Concello de Poio

Logo da súa reapertura unha vez finalizado o confinamento, o Punto Limpo Móbil de Poio veu incrementada de xeito exponencial a súa actividade con respecto aos seus primeiros meses de actividade.

Cómpre lembrar que este servizo púxose a disposición da veciñanza de Poio a principios de ano. Se durante o primeiro trimestre de 2020 contou con 113 usuarios, só durante as tres primeiras semanas de xuño fixeron uso deste dispositivo itinerante 115 persoas, ás que hai que sumarlle outras 62 correspondentes aos últimos dez días de maio, intre no que se reactivou a prestación.

O Punto Limpo Móbil deixou de prestar servizo entre o 14 marzo, momento no que se decretou o estado de alarma, e o 18 de maio.

Deste xeito, en apenas seis semanas contou con 177 usuarios, o que supón un incremento de máis do 36% con respecto ao primeiro trimestre do ano.

Estes datos son valorados positivamente pola concelleira de Servizos Municipais, Chelo Besada, que agradece á poboación que faga uso destas instalacións, nas que se ofrece un tratamento correcto, eficiente e seguro de diferentes tipos de residuos, o que demostra que "entre a veciñanza de Poio existe cada vez máis concienciación sobre a necesidade de preservar o medio ambiente". Ademais, a tenente de alcalde socialista lembra que o Punto Limpo Móbil non só permanecerá operativo durante o verán, senón que continuará prestando servizo ata que se habilite un punto limpo municipal, en cuxa tramitación traballa o Concello de Poio.

O itinerario do dispositivo continuará sendo o mesmo que ata o de agora. Así, a primeira semana de cada mes permanecerá no Parque de Costa Xiráldez (San Salvador), a segunda no aparcadoiro da Reiboa (A Seca, San Xoán) e a terceira na explanada de Chancelas (Combarro). Nestes tres emprazamentos permanecerá de martes a xoves, mentres que na última semana de cada vez estará martes e mércores na Praza Alfredo Romay de Samieira e xoves e venres na Rúa Leopoldo Nóvoa de Raxó. O horario de atención ao público seguirá sendo de 10.00 a 14.00 horas.

Chelo Besada lembra que este servizo é gratuíto para toda a veciñanza de Poio, que só deberá amosar o seu DNI ao operario para poder depositar os restos. Ademais, tamén se garanten as medidas sanitarias e de distanciamento necesarias para evitar contaxios pola Covid-19. De feito, o traballador encargado de xestionar o recipiente conta co pertinente material de protección.

No Punto Limpo Móbil pódense deixar pequenas cantidades de residuos voluminosos e perigosos do fogar, que, logo do seu tratamento, pasan a entregarse a un xestor autorizado. Entre os restos depositados inclúense sobre todo electrodomésticos, mobles, restos textís madeiras, chatarra, plásticos e Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE).