O Concello de Poio presentaba este xoves a campaña "A violencia machista vai contigo, que non te enr@den", para conmemorar o 25 de novembro (Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres).
A campaña, que se desenvolverá ata o 20 de decembro, convida a facer unha reflexión crítica sobre o uso das novas tecnoloxías, en especial, entre a xente máis nova, para que aprenda a poñer normas e límites. Tamén se incidirá na necesidade de redobrar os esforzos en educar en igualdade para previr as violencias.
Para conseguilo, ademais do parón institucional e lectura do manifesto, a programación céntrase principalmente en obradoiros, teatro e exposicións para a rapazada, así como a "Andaina Camiño Violeta".
Na presentación da campaña participaron o alcalde de Poio, Ángel Moldes; a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres; a directora e avogada do Centro de Información á Muller de Poio (CIM), Raquel Morales; a psicóloga do CIM, Lidia Fazanes; o presidente de Asampo (Asociación de Amig@s da Pontevedrada), Francisco Pérez-Mirás; e representantes dos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Muller de Poio.
ANDAINA CAMIÑO VIOLETA
O domingo 26 de novembro desenvolverase a "Andaina Camiño Violeta", unha marcha accesible organizada conxuntamente entre os concellos de Poio e Pontevedra en colaboración con Asampo.
O punto de encontro será ás 9.00h no Parque da Memoria, en A Seca. Farase un primeiro tramo do percorrido ata Lourido, onde aproximadamente ás 10.30h proxectarase unha peza audiovisual e o Consello Municipal da Muller lerá un manifesto.
Integrantes do Club Piragüismo de Pontevedra recollerán o báculo en Lourido para levalo ata Pontevedra. Tras facer un percorrido de 1,7 quilómetros polo Centro Histórico da cidade, a andaina rematará na Praza de España.
Entregaranse camisetas ás persoas participantes e facilitarase o transporte en autobús a Pontevedra para as primeiras 55 persoas interesadas en continuar coa andaina, que se poden inscribir ata o 24 de novembro no correo: [email protected].
Se as condicións meteorolóxicas non permiten a andaina, a lectura do manifesto e a presentación da peza audiovisual será no Pazo de Besada.