O último grupo de narcos desarticulado en Vilanova movía cada mes decenas de quilos de cocaína

Umia
14 de decembro 2022

A Policía Nacional detivo a tres persoas -dous veciños de Vilanova e un de Ferrol- e rexistrou dúas vivendas en Vilanova. Con estas detencións, dáse por desarticulado un grupo, que de maneira moi activa, distribuiría ao longo dos últimos meses decenas de quilos de cocaína entre Galicia e Portugal

Droga e efectos intervidos na operación Pibe
Droga e efectos intervidos na operación Pibe / Policía Nacional de Pontevedra

As tres persoas detidas a pasada semana despois de que a Policía Nacional abortase unha transacción de drogas despois de dectear un vehículo lanzadeira na autoestrada AP-9 integraban un grupo criminal moi activo dedicado á distribución de importantísimas cantidades de cocaína.

Así o deu a coñecer este mércores a Policía Nacional, que fai balance da operación, bautizada 'Pibe' e desenvolvida polo grupo II da unidade especializada na loita contra a droga e o crime organizado (Udyco). 

A Policía Nacional detivo tres persoas -dous veciños de Vilanova e un de Ferrol- e rexistrou dúas vivendas en Vilanova de Arousa. En total, procedeuse á intervención de 12 quilos de cocaína, 6.000 euros en efectivo, vehículos e diversa documentación.

Este grupo antidroga investigaba aos sospeitosos desde finais do verán e puido determinar que a rede criminal estaba asentada na provincia.

Tras manter durante meses un férreo control  dos movementos das persoas encargadas da distribución da droga, na tarde do mércores 7 de decembro os axentes detectaron a presenza dun vehículo lanzadeira e o coche conducido polo encargado de transportar a cocaína. Nel, os axentes localizaron dous quilos de substánciaa estupefaciente  baixo o asento.

A continuación, os axentes efectuaron varios rexistros en Vilanova. Nun deles, o domicilio do condutor do vehículo lanzadeira, atoparon catro quilos e medio de cocaína e cinco quilos máis no interior do vehículo da persoa que fixera a entrega.

Con estas detencións, dáse por desarticulado un grupo, que de maneira moi activa, distribuiría ao longo dos últimos meses decenas de quilos de cocaína entre Galicia e Portugal.

A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.