O turismo volverá en xullo pero as axencias de viaxe de Pontevedra seguen pechadas

Pontevedra
03 de xuño 2020

Os profesionais esperan reabrir as súas oficinas ao redor do 15 de xuño, mentres tanto continúan realizando labores administrativos e xestionando cancelacións

As axencias de viaxe de Pontevedra permanecen pechadas polo coronavirus
As axencias de viaxe de Pontevedra permanecen pechadas polo coronavirus / Mónica Patxot

Traballo de oficina, cancelacións e sen atención ao público. A pesar de que a desescalada xa permite a súa reapertura, as axencias de viaxe de Pontevedra permanecen coa reixa baixada.

No seu interior, os propietarios ultiman o regreso, que estiman será ao redor do 15 de xuño, preocupados porque "quen vai querer viaxar este verán?", pregúntanse nun local da rúa Rosalía de Castro dando por perdido o ano.

"Agora mesmo non vemos moito interese en organizar viaxes", recoñecen noutra axencia na que o teléfono só soa para suspender as excursións planificadas antes da pandemia. "Estamos a facer traballo de oficina e sobre todo xestionando cancelacións", lamentan.

A decisión de permitir o turismo para partir do mes de xullo e a promoción do turismo nacional supón un halo de esperanza para este sector, pero as expectativas non son nada positivas.

De feito, algunhas cadeas teñen pensado regresar á actividade con horario de media xornada e menos persoal.