A Xunta vén de rematar o treito en túnel do emisario submarino da depuradora dos Praceres, en Pontevedra, que supón un investimento de 12 millóns de euros e estará totalmente finalizado este ano.
Para a execución deste tramo da actuación foi necesario o emprego dunha máquina singular de grandes dimensións procedente de Alemaña, que comezou a traballar a finais de marzo.
A tuneladora desenvolve as obras mediante unha tecnoloxía singular, chamada ‘direct pipe’, de perforación dirixida, un sistema pioneiro en España. A máquina, na fronte da escavación avanza, ábrelle paso á tubaxe que forma o túnel e un propulsor fixo empúrrao cara ao interior e permite o avance dese conxunto de tuneladora máis tubaxe.
Esta máquina permitiu progresar a unha velocidade de 40-90 milímetros por minuto, traballando as 24 horas do día, con quendas tamén en fins de semana e festivos.
O novo emisario ten como obxectivo mellorar a saída das augas depuradas, optimizando a dilución e a dispersión para que non afecte nin á actividade extractiva nin ao baño.
Esta actuación súmase á mellora executada na depuradora dos Praceres, cun orzamento de 16,5 millóns de euros. Así, ambas as intervencións posibilitarán dar un enorme salto na calidade das augas da ría de Pontevedra, completando un investimento global de case 30 millóns de euros. As obras están cofinanciadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014/2020.
No que se refire á depuradora, xa se están a amosar uns resultados satisfactorios dos parámetros das augas tratadas polas instalacións, que se atopan na actual fase final de posta en marcha e de probas, que se prevé culminar no verán.
Estas dúas actuacións enmárcanse no plan de saneamento da ría, que se complementará con accións como o saneamento do río Lameira, o bombeo de Cocheras, ou o saneamento da Seca e do Porto de Campelo en Poio, sumando un investimento da Xunta de 50 millóns de euros.