O TSXG rexeita suspender de forma urxente a autorización do parque eólico das Penizas e ordena seguir co trámite xudicial ordinario

Cerdedo-Cotobade
03 de agosto 2023

A Sala non aprecia "a urxencia requirida pola lei para a tramitación inaudita parte", é dicir, sen oír á parte contraria. Destaca que non se xustificou que, no caso de seguir as tramitacións ordinarias, a adopción das medidas cautelares resultase ineficaz

Aeroxenerador
Aeroxenerador / Diego Torrado

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu cinco autos nos que denega as medidas cautelares urxentes solicitadas por Ecoloxistas en Acción para que se suspendesen as autorizacións administrativas previas e de construción dos proxectos dos parques eólicos de Serra do Faro, Vilartoxo, Monte Festeiros, Reboiro e As Penizas, este último afecta ao municipio de Cerdedo-Cotobade.

En ningún dos casos a Sala apreciou "a urxencia requirida pola lei para a tramitación inaudita parte”, é dicir, sen oír á parte contraria, neste caso, á Consellería de Economía, Industria e Innovación. Por iso, sen entrar no fondo do asunto, decretou que as solicitudes de medidas cautelares se resolvan mediante o trámite ordinario, non polo urxente, tal e como reclamaba a asociación ecoloxista.

Os maxistrados explican en cada un dos autos que a entidade nada alegou "sobre a concorrencia de circunstancias que amparen a tramitación urxente” que reclama e que podería xustificar a tramitación dos incidentes inaudita parte.

Desta forma, os xuíces destacan que a lei esixe "que se dean circunstancias de especial urxencia”, o cal supón "efectuar unha motivación que xustifique que proceda no caso concreto o sacrificio do principio de contradición, é dicir, como se vén sinalando pola xurisprudencia, requírese que se fagan constar circunstancias que poñan de manifesto que, no caso de seguir a tramitación ordinaria do incidente, a adopción da medida cautelar resultaría ineficaz”.

Ademais, salientan que tamén se debe ter en conta que as resolucións polas que se concederon as autorizacións administrativas previas e de construción, cuxa suspensión se reclama, son do mes de abril de 2023; e as resolucións que denegaron as suspensións cautelares en vía administrativa -non xudicial-, do mes de xuño.

"Transcorreron xa varios meses desde a primeira e máis dun mes desde a segunda, sen que se solicitara pola demandante, con anterioridade, a tutela cautelar ante esta xurisdición, e sen que nada alegue sobre o inicio das obras ou que sexa inminente ese inicio, precisamente neste mes de agosto, por existir algún indicio de iso”, explica o TSXG nos autos, contra os que non cabe presentar recurso.

INADMISIÓN

O TSXG tamén emitiu outro auto no que rexeitou a solicitude de medida cautelar urxente solicitada pola Asociación Petón do Lobo, consistente na suspensión da resolución do 23 de abril de 2023 pola que a Xunta outorgou autorización administrativa previa e de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Faro (ampliación II).

O alto tribunal indica que, sen entrar a valorar ningunha outra cuestión sobre a tutela cautelar suscitada, procede o rexeitamento da solicitude porque non consta que interpuxese un recurso contencioso-administrativo previo nin ao mesmo tempo que pediu a medida cautelar. A resolución non é firme, pois cabe interpoñer recurso.

 

Arquivado en