O TSXG rexeita anular a autorización ambiental de ENCE

Pontevedra
27 de xullo 2020

Esta revisión, autorizada en setembro de 2018, fora impugnada polo goberno municipal ao entender que, entre outras cuestións, incumpría o Plan de Ordenación do Litoral (POL), documento da Xunta que ordena a recuperación ambiental deses terreos

Fábrica de ENCE en Lourizán
Fábrica de ENCE en Lourizán / Mónica Patxot

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso presentado polo Concello de Pontevedra contra a decisión da Consellería de Medio Ambiente de renovar a autorización ambiental integrada da fábrica que Ence ten en Lourizán.

Esta revisión, autorizada en setembro de 2018, fora impugnada polo goberno municipal ao entender que, entre outras cuestións, incumpría o Plan de Ordenación do Litoral (POL), documento da Xunta que ordena a recuperación ambiental deses terreos.

A sentenza da sala segunda do Contencioso Administrativo do TSXG conclúe, con todo, que a data de 2018 que marcaba a Xunta de Galicia para devolver os terreos ao seu estado orixinal estaba vinculada á concesión outorgada polo Estado a Ence.

Este prazo, sinalan os maxistrados do alto tribunal galego, "mutou tras a ampliación concesional" aprobada polo executivo en funcións que presidía Mariano Rajoy, que autorizou a continuidade da pasteira ata o ano 2073.

A aplicación da disposición do Plan de Ordenación do Litoral (POL) que avala a recuperación dos terreos de Lourizán, reza a sentenza, "non pode interpretarse como de prazo vencido senón como un obxectivo de regular a recuperación do espazo concesional unha vez que a empresa codemandada abandone as instalacións".

O Concello estudará recorrer a sentenza, aínda que os servizos xurídicos desaconsellan presentarse ante o Tribunal Supremo. A administración municipal foi condenada ademais ao pago das costas do xuízo, no que figuraban como demandadas a Xunta de Galicia e Ence.