O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a decisión adoptada polo Concello de Pontevedra e por Patrimonio da Xunta de Galicia ao non conceder a licenza a unha empresa promotora para demoler o interior do edificio situado en Michelena 11, esquina con Gutiérrez Mellado.
Eva Vilaverde, alcaldesa accidental, anunciaba a resolución do alto tribunal de Galicia, que aínda é susceptible de recurso de casación por parte da empresa. O TSXG, ademais, obriga á promotora a pagar as costas do proceso.
Tanto o Concello como Patrimonio da Xunta de Galicia rexeitaban a demolición se a promotora non presentaba o proxecto construtivo do novo inmoble, que debe conservar a fachada actual.
O edificio está afectado ao atoparse nunha zona de Ben de Interese Cultural (BIC), ao formar parte da contorna do santuario da Peregrina, explicaba Vilaverde.
Con todo, a empresa decidiu non presentar o proxecto de construción e obtivo o rexeitamento da administración local e autonómica.
Segundo explicaba a alcaldesa en funcións, en caso de non recorrer e de querer continuar coa iniciativa, a empresa deberá iniciar todo o procedemento administrativo e presentar o proxecto construtivo para obter a licenza de demolición.
"Lamentamos chegar a este punto", explicaba Eva Vilaverde, "os técnicos recomendaron á empresa que sigan o que establece Patrimonio da Xunta con proxecto de construción. Non o fixeron e preferiron percorrer a resolución", sinalaba.
Neste edificio, a marca Zara de Inditex ten previsto establecer as súas novas instalacións en Pontevedra. A intención da cadea é unir este inmoble de Michelena 11 co de Gutiérrez Mellado 3-5 creando un gran establecemento de oito plantas.